Detida unha veciña de Lugo por conducir durante 25 anos cun carné falso
Detida unha veciña de Lugo por conducir durante 25 anos cun carné falso
A Garda Civil retiroulle o documento tras percibir incoherencias nos seus datos
Unha veciña lucense de 54 anos de idade foi detida pola Garda Civil, tras comprobar que levaba un cuarto de século conducindo o seu coche cun carné falso. Segundo a información facilitada pola Comandancia de Lugo, a sospeitosa foi imputada como investigada polos delitos de falsidade documental e contra a seguridade viaria.
A investigación púxose en marcha o pasado 24 de marzo, cando a Garda Civil sorprendeu á detida ao volante do seu vehículo particular, no alto do Restelo, en Navia de Suarna. Ao solicitarlle a documentación, os axentes da Garda Civil sospeitaron da validez do permiso de conducir que lles presentaba, por incoherencias moi evidentes entre os datos que figuraban no permiso e as bases da Dirección Xeral de Tráfico.
Por iso, interviñéronlle o documento para o seu posterior estudo e para realizar as correspondentes xestións ante a Xefatura Provincial de Tráfico. A investigación concluíu, en primeira instancia, coa conclusión de que a muller detida leva conducindo 25 anos co citado carné falso e foi posta ao dispor xudicial.