Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas 15 persoas, unha delas na Coruña, polo calote do fillo en apuros

Detidas 15 persoas, unha delas na Coruña, polo calote do fillo en apuros

Cinco delas xestionaban contas, captaban "mulas" e repartían beneficios, e as dez restantes facían de "mula informática"

A Policía Nacional considera que forman parte dunha das principais redes dedicadas a esta estafa

G24.gal 20/07/2024 10:13 Última actualización 20/07/2024 20:45

A Policía Nacional detivo 15 persoas presuntamente vinculadas cunha organización dedicada ao calote do fillo en apuros. Os arrestos tiveron lugar en Madrid, Cidade Real, Guadalaxara, A Coruña, Cuenca, Almería, Sevilla e Vitoria.

O engano consiste en facerse pasar por un fillo ou filla, a través de mensaxes instantáneas ou SMS, que se atopa nunha situación delicada. Cando conseguen convencer a vítima, solicitan cartos para solucionar o problema, normalmente a través de transferencia bancaria.

A operación botou a andar no 2022 e tivo como resultado a detención de centos de "mulas" e decenas de captadores. Estas 15 detencións súmanse a outras 65 previas de integrantes da rede criminal que se estima causou un prexuízo de 410.000 euros a 95 vítimas.

Líderes da banda

Entre esas 65 persoas arrestadas estaban os dous líderes da banda. Na primeira fase interveuse unha base de datos con máis de 500 arquivos de follas de cálculo nos que se almacenaban datos de potenciais vítimas.

A análise da información permitiu identificar e arrestar, nesta segunda fase, quince supostos membros máis. Cinco deles dedicábanse á xestión de contas, captación de mulas e repartición de beneficios. Os dez restantes facían de "mula informática".

Verónica Cibantos, portavoz da Policía Nacional

Recomendacións

A Policía Nacional insiste en que a loita contra estes delitos comeza coa prevención cidadá. Por iso, para evitar este calote aconsella:

-Non perder a calma.

-Tentar contactar co fillo/a por unha vía alternativa ao WhatsApp.

-Sospeitar da linguaxe ou das expresións da persoa que escribe.

-En caso de ser vítima, acudir a unha comisaría ou chamar ao 091.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade