Desartellada unha banda que estafou tres millóns de euros por Internet
Desartellada unha banda que estafou tres millóns de euros por Internet
Tiñan datos de catro millóns de persoas e actuaban dende varias provincias españolas
Axentes da Policía Nacional detiveron 34 membros dunha organización criminal que presuntamente realizaba diferentes estafas informáticas e dispoñía de datos de máis de catro millóns de persoas.
Efectuaron 16 rexistros nas provincias de Madrid, Málaga, Huelva, Alacante e Murcia, onde interviñeron dúas armas de fogo simuladas, unha catana, un bate de béisbol, 80.000 euros en efectivo, catro vehículos de alta gama, bases de datos con información cruzada de catro millóns de persoas e material informático.
Segundo informa a Dirección Xeral da Policía, a organización criminal levou a cabo actividades fraudulentas por valor de case tres millóns de euros realizando diversos tipos de calotes.
Spoofing, vishing e phishing
Os líderes, que ingresaron en prisión provisional, usaban documentación falsa, facendo uso de técnicas de spoofing 'suplantación' para ocultar a súa identidade e investían as súas ganancias en criptoactivos.
A investigación comezou a principios de ano cando axentes especializados da Unidade Central de Ciberdelincuencia identificaron unha rede que accedía de xeito ilegal ás bases de datos de entidades financeiras e de crédito.
Tras ingresar nas contas da clientela diñeiro procedente desas entidades, pedían a devolución dos cartos por un erro informático. Ademais, penetraron noutras bases de datos mercantís multinacionais, facéndose con información de máis de catro millóns de persoas.
Estes datos usábanse para realizar campañas de vishing, simulando a identidade de empresas de subministración eléctrica, campañas de phishing, nas que se suplantaba a identidade de distintas entidades bancarias, o calote do "fillo en apuros" ou a estafa a unha mercantil tecnolóxica.
Ata o momento, esclarecéronse máis de 1.000 denuncias, non descartando a identificación de máis autores e vítimas.