Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas catro persoas tras unha espectacular persecución polas rúas de Santiago

Detidas catro persoas tras unha espectacular persecución polas rúas de Santiago

Están acusadas de condución temeraria e de desobediencia á autoridade

Incautáronlles varias armas brancas e bates de béisbol

G24.gal 30/05/2024 14:28

A persecución policial comezou na rúa Touro, en Santiago de Compostela. Segundo comentaron os veciños, durante toda a mañá houbo moito balbordo pola zona, con gritos, golpes e movementos sospeitosos de tres coches. Foi precisamente isto o que alertou a Policía Nacional.

Dúas patrullas achegáronse para identificar os ocupantes, pero estes escaparon. Durante a persecución foron sumándose máis patrullas da Policía Nacional. Varias testemuñas aseguran que os vehículos pasaron a máis de 100 quilómetros por hora polo túnel do Hórreo, poñendo en perigo varios condutores. A policía conseguiu interceptalos, tras trece quilómetros de persecución, na localidade teense de Vilar de Francos. Os fuxidos ían en tres vehículos. A Policía Nacional detivo catro persoas e identificou outras oito.

José López vive nas proximidades e viu o momento das detencións. Dixo que había un gran despregadura policial, catro patrullas da Garda civil, seis ou sete da Policía Nacional, varios vehículos camuflados e da Policía Local. Apunta que tiñan aos detidos tirados no chan e que algún deles estaba esposado.

Aos detidos impútanselles varios delitos de desobediencia grave á autoridade e contra a seguridade do tráfico. Nos rexistros efectuados nos vehículos, a policía atopou varias armas brancas e bates de béisbol. As primeiras hipóteses apuntan a unha liorta entre dúas familias por un tema de honor. De feito, á Garda Civil xa lle constaban varias ameazas por redes sociais entre os dous clans e levaban varios días realizando unha vixilancia preventiva.

Os detidos pasaron este mediodía a disposición xudicial. Fontes policiais aseguráronnos que permanecen no calabozos dos xulgados á espera de coñecer as medidas que determine o xuíz de garda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade