Detidas tres persoas por botar unha bebé a un colector de lixo en Mallorca

Unha das detidas é a muller que deu a luz a bebé 

A Policía Xudicial continúa investigando as circunstancias que arrodean o caso

Contenedores nos que se atopou o bebé en Mallorca (EFE/Miquel A. Borràs) Contenedores nos que se atopou o bebé en Mallorca (EFE/Miquel A. Borràs)
G24.gal 05/11/2023 16:39

A Policía Nacional detivo tres persoas, incluída a nai da bebé, por botar a un colector de lixo a neonata, que faleceu o xoves pasado na localidade mallorquina de Porto Cristo. Segundo indicou o portavoz da Xefatura Superior de Policía de Baleares, a investigación permanece aberta para esclarecer as circunstancias dos feitos tras a detención da muller que deu a luz a criatura.

Fontes policiais confirmaron que a nena nacera de forma prematura, aínda que non precisaron se cando foi abandonada no lixo aínda se atopaba con vida. Tampouco achegaron datos sobre a relación entre a nai e os outros dous detidos.

A investigación, a cargo da Policía Xudicial da Comisaría de Manacor, procedeu á revisión das cámaras de seguridade da contorna para tratar de identificar e localizar o coche no que a bebé foi trasladada ata o lugar no que se abandonou. Tamén revisaron os rexistros dos centros sanitarios para tratar de dar coa nai e solicitaron datos de posibles testemuñas.

As primeiras informacións procedían dunha testemuña que viu como unha persoa baixaba dun coche, con outra persoa cando menos no seu interior, e deixaba nun contedor un vulto cunha actitude sospeitosa. Cando comprobou que se trataba dunha bebé nacida recentemente, avisou os corpos de seguridade e axentes da Policía Local e Policía Nacional, que acudiron de inmediato ao lugar. Trasladaron de urxencia a criatura ao hospital de Manacor, onde se confirmou a súa defunción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade