Detido en Barcelona un xihadista que financiaba a Daesh con criptomoedas
Detido en Barcelona un xihadista que financiaba a Daesh con criptomoedas
Facíano a través de redes internacionais coa finalidade de captar e distribuír fondos en favor do grupo terrorista
Un presunto 'criptoxihadista' foi detido en Barcelona por financiar a Daesh a través de redes internacionais dedicadas ás actividades de captación e distribución de fondos en favor do grupo terrorista.
Debido á importancia da trama, varias axencias de seguridade internacionais colaboraron na operación, que foi desenvolta polo Servizo de Información da Garda Civil baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, que decretou o ingreso en prisión provisional do detido.
O arrestado era titular de direccións de criptomoedas que operaban en tres redes distintas e estaban vinculadas a múltiples direccións conformando unha trama con ramificacións en varios países cuxa finalidade era captar fondos e transmitilos en favor da Daesh.
A actividade desenvolvida pola organización coa que estaba relacionado o detido non pasara desapercibida para os servizos de seguridade internacionais, xa que contaba cun grande impacto en forma de grandes movementos económicos.
Desde a aparición das criptomoedas a Garda Civil implementou actividades de investigación sobre este novo método de transmisión para previr e detectar que puidese ser destinado ao financiamento de actividades terroristas.
Segundo informa a Dirección Xeral da Garda Civil, esta vertente de financiamento terrorista a través de criptomoedas desenvolveuse desde comezos da década pasada. Con todo, o principal auxe produciuse durante o 2020.
A situación sanitaria vivida serviu como catalizador desta nova ameaza para a seguridade, propiciando a aparición de novas tendencias terroristas especializadas no ámbito económico para compensar, entre outros aspectos, a perda de mobilidade persoal que quedou restrinxida en varios países.
A Garda Civil advirte de que estes sofisticados medios actuais de financiamento promovidos por 'criptoxihadistas' plenamente especializados complican severamente as investigacións dos servizos de seguridade.
A cooperación internacional eríxese como un instrumento fundamental para poder neutralizar e combater estas redes, cuxa actividade é cada vez maior, pasando a constituírse como unha das prioridades das axencias de seguridade na loita contra o terrorismo.
Por iso, para esta investigación contouse coa participación da DGSI francesa, o FBI estadounidense, a SÄPO sueca e Europol, así como co Centro Nacional de Intelixencia (CNI) español.