Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido Nacho Cano por contratar, supostamente, inmigrantes en situación irregular

Detido Nacho Cano por contratar, supostamente, inmigrantes en situación irregular

O antigo membro de Mecano quedou en libertade tras prestar declaración para explicar a contratación de inmigrantes no musical que representa en Madrid desde 2022

As detencións producíronse por mor de varias denuncias interpostas polos traballadores do espectáculo

Para o artista trátase dunha persecución por ser amigo de Ayuso

G24.gal 09/07/2024 15:47

A Policía Nacional detivo en Madrid o produtor teatral Nacho Cano pola presunta contratación ilegal de inmigrantes no seu espectáculo musical Malinche.

Segundo informaron a EFE fontes policiais, Cano, fundador do grupo Mecano, foi trasladado na mañá do martes a dependencias policiais do distrito Centro, onde prestou declaración.

Posteriormente foi posto en liberdade á espera de ser citado polo xulgado que investiga os feitos. Na mesma operación tamén foi detida unha muller, supostamente relacionada cos feitos delituosos e co produtor teatral.

As detencións producíronse por mor de varias denuncias interpostas polos traballadores do espectáculo musical ante a Policía Nacional por presuntas irregularidades nas contratacións.

Nelas sinalan a Cano como autor de delitos contra os dereitos dos traballadores e de favorecemento da inmigración irregular, segundo as citadas fontes.

O musical, que se centra no personaxe de Malinche, considerada a nai da mestizaxe, e na súa historia de amor con Hernán Cortés, estreouse en setembro de 2022 no recinto feiral de Ifema e xa superou as 500 funcións.

Nun principio a protagonista ía ser Chanel, que se baixou do proxecto tras a súa participación en Eurovisión para centrarse na súa carreira como cantante.

Un musical que chegou precedido pola polémica por mor das declaracións do presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, esixindo a España pedir perdón con motivo da conmemoración dos 200 anos da independencia e os 500 da conquista de Hernán Cortés.

Ao que Cano respondeu dicindo que o musical é unha oda á mestizaxe e á conquista de México e que coa súa obra non quería xulgar a ninguén.

Malinche supuxo o regreso de Nacho Cano á primeira plana do mundo musical tras anos nos que a súa carreira en solitario non terminaba de callar despois do éxito do seu grupo Mecano, xunto ao seu irmán José María e Ana Torroja, que se separaron definitivamente en 1998.

Nacho Cano recibiu en 2021 a Gran Cruz do 2 de Mayo da Comunidade de man da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

"O criminal non son eu, é a Policía"

"O criminal non son eu, é a Policía, é aos que hai que investigar", defendeu o músico e promotor teatral Nacho Cano tras a súa detención este martes, unha detención "de 10 minutos" para, segundo el, facerlle "a foto" e filtralo aos medios de comunicación.

"Se me atopan morto na cuneta xa sabedes quen foi", engadiu o artista na súa comparecencia ante a prensa, tras acusar as forzas policiais de seguir "unha manobra orquestrada" e de querer "achantar" a parte do persoal do seu musical Malinche.

Segundo o seu relato, hai dúas semanas apareceron 12 policías para interrogar ao resto de participantes no programa, un número no que incidiu ao argumentar que "querían achantarlles" durante o seu interrogatorio, que durou "desde as 2 da tarde ata a 1 da mañá, con coacción".

Respecto diso, denunciou o trato recibido na comisaria na que se lle tomou declaración e citou en concreto ao seu comisario xefe, Alberto Carba, "que está moi supeditado a (Fernando Grande) Marlaska", o ministro do Interior.

O exmiembro de Mecano explicou que a orixe das denuncias está nun programa de bolsas que montou para traer talento xuvenil de México de fronte á futura estrea do musical nese país, "persoas de excelencia artística, algúns con situacións realmente difíciles de supervivencia".

Nese sentido, afirmou que o programa é froito dun convenio cunha escola, que inclúe as prácticas no musical, que sempre tivo "un comportamento transparente" e que realizou todas "as cuestións legais que se teñen que facer cando se trae a un estranxeiro".

"Pero sempre hai alguén conflitivo", comentou o cantante e compositor -ao referirse a unha das bolseiras da que se prescindiu- tal e como se prevía "que pasaría", aínda que explicou que "esta rexeitou regresar a México".

E asegurou que todo é unha "manobra orquestrada" pola súa relación próxima coa presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz-Ayuso.

"Como foron xa a por o seu noivo, a por o seu irmán, a por o seu pai, o que queda son eu", agregou Cano, para quen o seu caso serve "para dirimir a tensión doutras cousas" como "a imputación si real" de Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Para Cano, está claro que foron a por el por ser amigo de Ayuso e por ser "o único artista que se atreve a non dicir 'son comunista nin de esquerdas' porque non o son nin o fun nunca porque non son idiota".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade