Publicador de contidos
Publicador de contidos

Deteñen unha banda de ladróns por 22 roubos en casas de luxo en Eivisa

Deteñen unha banda de ladróns por 22 roubos en casas de luxo en Eivisa

Os atracadores eran dous homes e unha muller que entraban en vivendas habitadas e poderían utilizar algún tipo de gas que producía somnolencia para evitar que os moradores espertasen mentres cometían os roubos

Os ladróns no interior dunha das vivendas asaltadas
G24.gal 01/09/2024 10:22

Axentes da Garda Civil detiveron tres persoas, dous homes e unha muller, integrantes dunha banda de ladróns especializada en roubo de casas de luxo durante o verán en Eivisa, á que atribúen 22 roubos en vivendas, con obxectos subtraídos por valor de medio millón de euros.

Os atracadores entraban nas vivendas habitadas mentres os moradores durmían e poderían utilizar algún tipo de gas que producía somnolencia para evitar que espertasen mentres cometían os roubos.

Durante a investigación, o Equipo de Policía Xudicial de Eivisa puido dar co domicilio da banda grazas á localización de varios vehículos que usaban para cometer os delitos, que á súa vez tamén eran vehículos roubados. No domicilio atoparon reloxos de alta gama, lentes de sol, xoias, bolsos de recoñecidas marcas, móbiles e diñeiro en efectivo entre os múltiples obxectos denunciados como roubados e cun valor total duns 548.500 euros.

Moitas das vítimas denunciaran ante a Garda Civil que notaban un certo atordamento ao espertar e malestar xeral como vómitos e mareos. Por iso, os investigadores cren que os ladróns usaban algún tipo de gas que provocaba somnolencia.

Os asaltantes entraban nas vivendas sempre vestidos de negro ocultando as súas caras, vestimenta que tamén foi atopada polos axentes durante o rexistro. Se eran sorprendidos durante o roubo, abandonaban o lugar á carreira. Á Garda Civil cónstalle que este grupo criminal leva presente na illa de Eivisa desde 2019.

Dous dos detidos foron enviados a prisión pola autoridade xudicial por, polo menos, 22 delitos de roubos con forza, roubo con violencia e furtos en interior de vivendas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade