Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido o líder dun grupo dedicado ao tráfico de heroína no Morrazo

Detido o líder dun grupo dedicado ao tráfico de heroína no Morrazo

Contaba con heroína, un arma de fogo e 20.000 euros en efectivo no seu domicilio en Bueu

Outras cinco persoas permanecen investigadas pola súa implicación na agrupación criminal

Obxectos comisados (Garda Civil) Obxectos comisados (Garda Civil)
G24.gal 19/04/2024 16:12 Última actualización 19/04/2024 16:52

Un home de 73 anos foi detido pola Garda Civil acusado de exercer como líder dun grupo dedicado á distribución de heroína na comarca do Morrazo, onde, entre outros lugares, traficaba con droga na contorna dun hotel abandonado de Massó, en Bueu. Contaba con domicilios en Redondela e Bueu, onde se atoparon unha arma con munición, 412 gramos de heroína e máis de 20.000 euros en efectivo.

A investigación realizada pola Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas culminou co arresto deste veciño de Redondela (Pontevedra), que tamén tiña alugado un piso en Bueu. Ademais, outras cinco persoas permanecen investigadas pola súa implicación no grupo criminal.

As pescudas iniciáronse no mes de outubro en Cangas (Pontevedra), cando a Garda Civil tivo constancia de que un hotel abandonado de Bueu e que nestes momentos está ocupado ilegalmente converteuse nun punto de venda de droga. A vixilancia na contorna do inmoble permitiu a identificación das persoas que se encargaban da distribución da droga e do individuo que llas fornecía, que resultou ser un coñecido das forzas da orde por varios antecedentes penais.

A investigación a este home concluíu que, a pesar de ter o seu domicilio establecido en Redondela, tiña alugado un piso en Bueu que usaba para esconder as substancias no faiado. Finalmente, a Garda Civil desenvolveu un operativo que culminou o 2 de abril co arresto deste home e a identificación doutras cinco persoas, catro deles veciños de Cangas e o restante de Mondariz-Balneario.

Durante a intervención, os axentes deron o alto a un vehículo no miradoiro da Fraga, en Moaña. Este estaba conducido polo suposto responsable deste grupo, no que se incautaron de 630 gramos de heroína. Por mor disto, o xulgado autorizou o rexistro dos seus domicilios en Redondela e Bueu, onde foron comisados 412 gramos de heroína, unha pistola con munición, máis de 20.000 euros en efectivo, un vehículo, un pasamontañas, esposas e varios teléfonos móbiles.

O detido como suposto xefe deste grupo criminal foi poñer ao dispor do Xulgado de Instrución Un de Cangas, que decretou o seu ingreso en prisión provisional. Pola súa parte, os outros cinco sospeitosos continúan baixo investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade