Un garda civil detén o Rambo galego cando tentaba roubar nunha casa
Un garda civil detén o Rambo galego cando tentaba roubar nunha casa
O axente, que estaba fóra de servizo, logrou reducir a Sánchez Chacón coa axuda de dous veciños
O Goberno quixo destacar o papel da colaboración cidadá na detención
Pasadas as doce desta medianoite, a Garda Civil detivo a Alfredo Sánchez Chacón, coñecido como o Rambo galego.
A detención produciuse na aldea de Loira, no concello de Valdoviño, preto de Ferrol, ás 00:30 horas. Sánchez Chacón tentou entrar por unha fiestra nunha vivenda. Unha das moradoras sentiu os golpes e alertou o seu irmán. El, sen dubidalo foi atrás del.
Entrementres, a muller avisou outro irmán e tamén un veciño que é garda civil. Tras unha persecución de medio quilómetro lograron prendelo nunha casa ruinosa onde pretendía agocharse.
O Rambo galego era buscado dende marzo do ano pasado tras non regresar ao cárcere de Monterroso, en Lugo, logo dun permiso penitenciario. O domingo á noite, Sánchez Chacón roubaba na casa de José Villarnovo Calvo. Nada de cartos, todo comida.
Conferencia de prensa para informar da detención
Na conferencia de prensa celebrada esta mañá, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quixo destacar a importancia da colaboración cidadá para lograr deter a Alfredo Sánchez Chacón e felicitou tamén o traballo das forzas de seguridade. "É un éxito da cidadanía pola súa colaboración e da Garda Civil pola detención", asegurou Rivas.
O garda civil que efectuou a detención explicou como se produciu. Asegura que estaba na súa vivenda cando recibiu a chamada dunha veciña que alertaba de que alguén estaba forzando a entrada ao seu domicilio.
Manuel Vilela acercouse ata a propiedade da veciña, pero Sánchez Chacón xa se fora. Estiveron rastrexando as inmediacións, onde visualiza unha persoa. Foi cando disparou a súa arma de fogo en dúas ocasións, pero non lograban intimidalo.
O Rambo galego soltou a mochila que levaba e botou a correr, pero foi alcanzado polo garda civil, que sacou a defensa persoal extensible para intentar reducilo. Chacón ofreceu resistencia e intentou golpear co seu bastón o axente, pero logrou reducilo coa axuda de dous veciños.
O coronel xefe Jambrina quixo destacar que non constituía o perfil dun home perigoso. A pesar de ter instrución militar e ser hábil en supervivencia, o detido ten 63 anos e coxea. Ademais, asegurou que non mantiña contacto coa xente e os roubos que facían era maioritariamente de produtos de primeira necesidade.
Tamén informou de que a forma de buscalo non foi facer unha gran despregadura, senón con paciencia, buscando a tenda de campaña -que recollía todas as noites- e sorprendéndoo na allada.