Detido un adestrador de fútbol por contactos virtuais sexuais con máis de 200 menores
Detido un adestrador de fútbol por contactos virtuais sexuais con máis de 200 menores
Os axentes rexistraron o seu domicilio e atoparon dispositivos electrónicos con abundante material de carácter sexual
A Policía Nacional detivo en Sevilla un adestrador de fútbol por manter contactos virtuais de carácter sexual con máis de 200 menores a través de perfís falsos creados en diferentes redes sociais, en que se facía pasar por unha moza da súa idade.
Os menores teñen unha media de 14 anos, son residentes en diferentes localidades andaluzas, e en gran parte son xogadores aos que adestrara, segundo informou este luns a Policía Nacional.
A policía identificou e tomou declaración a sesenta vítimas menores e a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión do home.
A operación Reinosa comezou a principios de 2021, cando un menor que intercambiou fotos e vídeos de carácter sexual co adestrador, que se facía pasar por unha rapaza, empezou a sospeitar de que podería ser un adulto, xa que evitaba ensinarlle a cara e esixíalle cada vez máis contido de carácter sexual. O menor contóullelo a seus pais e estes fixérono dubidar da veracidade do perfil.
A Policía Nacional conseguiu identificar a persoa que se ocultaba tras os falsos perfís, o adestrador dun equipo de fútbol, o que lle facilitaba e permitía ter contacto directo con numerosos menores.
Os axentes levaron a cabo unha entrada e rexistro no seu domicilio, onde ademais interviñeron varios dispositivos electrónicos con abundante material de carácter sexual.
A análise dos dispositivos permitiu aos investigadores pescudar que tratara de contactar con máis de 200 menores facéndose pasar por unha moza co obxectivo de adquirir material de carácter sexual, chegando mesmo a dar pasos para establecer encontros con algúns deles.
Ademais, puido identificarse a rapaza menor de idade das imaxes que empregaba, tamén obtidas mediante engano, o presunto autor como reclamo para atraer as súas vítimas.