Ingresa en prisión tras atacar a súa cuñada cun machado nun bar de Ponteceso
Ingresa en prisión tras atacar a súa cuñada cun machado nun bar de Ponteceso
O detido xa fora investigado por agresións e tiña unha orde de afastamento
Ingresou no cárcere o home que o venres á tarde entrou armado cun machado nun bar de Pazos, en Ponteceso, e atacou a cociñeira, a súa propia cuñada.
Ningún dos clientes que o viron entrar co utensilio na man chegou a intuír o que estaba a piques de suceder. Aparentemente tranquilo e sen mediar palabra, dirixiuse á cociña.
"Ergueu o machete e quíxollo cravar a ela. A compañeira viuno, entrou na cociña, agarrouno, quitoullo e botouno fóra. A verdade é que iso non o fai calquera", recoñece Maite Chouciño, a propietaria do bar Paula.
A intervención da compañeira foi providencial. Puido reaccionar con rapidez porque sabía que non era a primeira vez que o home atacaba a súa cuñada.
A Garda Civil prendeuno na súa casa, na parroquia veciña de Langueirón. Tras o xuízo rápido, celebrado en Carballo, foi enviado ao cárcere. A vítima quere reincorporarse ao traballo canto antes.
"De feito dixo que viría mañá, que agora está tranquila porque el está onde ten que estar. Agardamos que estea por moitos anos e que isto non volva suceder", di Maite.
O detido xa fora investigado anteriormente por ameazas e agresións e tiña unha orde de afastamento que lle prohibía achegarse á súa cuñada.