Detido un home en Santiago por corrupción de menores a través das redes sociais
Detido un home en Santiago por corrupción de menores a través das redes sociais
O arrestado suplantou a identidade dunha moza nas redes sociais para conseguir contidos sexuais de menores
A investigación da Policía Nacional desenvolveuse durante máis de seis meses ata dar con el
A Policía Nacional detivo en Santiago un home de 29 anos como presunto autor dun delito de corrupción de menores mediante a suplantación de identidade en redes.
A mediados de 2022 unha moza de Málaga denunciou que unha persoa se facía pasar por ela nas redes sociais. A Policía Nacional abriu unha investigación e identificou o perfil de usuario co dun home residente preto de Compostela.
O arrestado creara un perfil falso e empregaba as imaxes e vídeos da denunciante. A finalidade era empregar estes contidos para contactar con menores e conseguir imaxes con contido sexual. Os rapaces crían que contactaban cunha moza da súa idade e que era ela as que lles solicitaba as imaxes e responderon mandando estes contidos en diferentes ocasións.
No rexistro do domicilio do detido requisáronse varios dispositivos informáticos. O arrestado foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número dous de Santiago e impútaselle un delito de corrupción de menores.