Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido un narco cambadés cun alixo de 4.000 kg de cocaína ao sur das Canarias

Detido un narco cambadés cun alixo de 4.000 kg de cocaína ao sur das Canarias

Trátase de José Manuel Costa Hermida, fillo dun piloto de Sito Miñanco

Con el foron arrestadas outras tres persoas que o acompañaban na narcolancha

G24.gal 15/02/2024 11:27 Última actualización 15/02/2024 19:49

Axentes da Garda Civil, da Policía Nacional e do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria interceptaron a 500 millas náuticas ao sur das illas Canarias, unha embarcación semirríxida cando transportaba 4.350 quilos de cocaína.

Unha vez abordaron a narcolancha comprobaron que levaba un alixo duns 4.350 quilos de cocaína, que recolleran, probablemente dun barco procedente de América do Sur para introducilo nas costas españolas.

Nese mesmo momento detiveron os catro tripulantes. O piloto era o cambadés José Manuel Costa Hermida, fillo dun histórico do narcotráfico en Galicia, José Manuel Costa Rial, considerado un dos lancheiros de confianza de Sito Miñanco. A finais de decembro detivérono nunha situación similar, pilotando unha narcolancha en augas do Senegal con 600 quilos de cocaína.

O buque  de operacións especiais Petrel do Servizo de Vixilancia Aduaneira realizou a abordaxe  nun operativo coordinado coas autoridades dos Estados Unidos e do Reino Unido. Tras a interceptación e a abordaxe da narcolancha, comprobouse inmediatamente a súa carga, e procedeuse á detención dos seus catro tripulantes de nacionalidades española, romanesa, marroquí e moldova. 

O alixo descargouse no porto de Santa Cruz de Tenerife. Os detidos xa están tamén en terra, e declararán nas próximas horas diante do xuíz.

A operación desenvolveuse no marco da loita contra o tráfico de drogas na denominada ruta atlántica da cocaína, coñecida por ser utilizada por todo tipo de embarcacións que, procedentes de América do Sur, transbordan substancias estupefacientes na metade do Atlántico para a súa posterior introdución no continente europeo.

A operación, coordinada pola Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional, non está pechada e investígase a posible presenza na zona doutras embarcacións que puidesen estar implicadas, polo que non se descartan novas actuacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade