Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detido un veciño de Mesía acusado de varias agresións sexuais e tráfico de persoas

Detido un veciño de Mesía acusado de varias agresións sexuais e tráfico de persoas

Captaba, mediante engano, persoas vulnerables que logo estafaba, explotaba e retiña baixo ameaza

Segundo a Garda Civil, as agresións sexuais producíronse supostamente baixo submisión química

G24.gal 02/03/2024 13:00 Última actualización 02/03/2024 14:29

O Equipo Territorial da Policía Xudicial da Garda Civil de Cambre detivo un veciño de Mesía acusado de agredir sexualmente varias empregadas e captar inmigrantes para traballar en clubs de alterne.

Segundo trasladou o Instituto Armado, a operación denominada Loraba, tutelada polo Xulgado de Instrución nº2 de Ordes, iniciouse o pasado 7 de xuño de 2023 por mor da denuncia dunha menor.

De acordo co seu relato, viu unha oferta de emprego na Internet para un posto de camareira e, tras concretar as condicións, "que simulaban ser excelentes", comezou traballar ese mesmo día na quenda de tarde, finalizando a súa xornada ás tres da madrugada.

Ao remate, explica a Garda Civil, o xefe e outras dúas mulleres convidárona a tomar unha copa para celebrar a súa chegada á empresa. Máis tarde, despois de tomar a segunda copa, comezou a sentirse mal e lembrar "vagamente" o que sucedeu esa noite.

Con todo, recordou toparse espida enriba da mesa de billar, que o seu xefe a agrediu sexualmente e que amenceu nun dos cuartos do establecemento pechado con chave, onde o xefe a volveu agredir.

No transcurso da investigación, na que contaron coa colaboración da avogada da oficina de Orientación Información e Denuncia (OID) de SOS Racismo Galicia, o Equipo Territorial do Policía Xudicial descubriu a existencia doutras 23 posibles vítimas desta persoa.

Modus operandi

Tal e como detallan, o modus operandi do detido consistía en inserir anuncios nunha páxina web na que ofrecía traballos de camareira, limpadora, pintores, albaneis ou persoal para reformas, entre outros.

Ao parecer, a súa intención era captar mediante engano persoas vulnerables, preferiblemente estranxeiras en situación irregular, non só pola súa idade ou capacidade, senón "pola súa situación precaria económica e legalmente, en toda a xeografía española".

Unha vez que establecían contacto con el, comunicáballes as condicións do emprego que, supostamente, incluían aloxamento, polo que debían aboar un importe en concepto de fianza, tendo que solicitar moitas delas cartos a familiares no seu país ou contratar créditos.

O Instituto Armado considera a estafa desta cantidade inicial o motivo principal da captación de persoas. Unha vez cobrada, o arrestado trasladaba as vítimas a dous locais de alterne da súa propiedade para realizar os labores contratados.

Estes locais carecían de auga corrente e moitas das persoas durmían amoreadas no chan, sen liberdade para a entrada e saída e permanecendo en todo momento baixo a ameaza de presentar denuncia ante as forzas de seguridade pola súa situación irregular en España.

Ademais, a mulleres contratadas ofertoulles traballar no club de alterne como prostitutas, quedándose con gran parte ou coa totalidade da cantidade que a clientela pagaba polos servizos.

Dúas agresións sexuais 

Como froito desta operación, corroboráronse outros dous casos de agresións sexuais ás súas empregadas, realizadas supostamente baixo submisión química, detectando tamén que o club dispoñía de dúas dobres acometidas de subministración eléctrica.

Por estes feitos, a Garda Civil procedeu á detención desta persoa como suposto autor dos delitos de explotación, trata de seres humanos, agresión sexual, prostitución, detención ilegal, danos contra a integridade moral, estafa e fraude do fluído eléctrico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade