Detidos dous 'hackers' por secuestrar datos e extorsionar 168 empresas

Atacaron varias infraestruturas "críticas" de todo o mundo, entre elas a aeroliña nacional portuguesa e un hospital de Israel

G24.gal 28/10/2023 10:50

A Garda Civil detivo en Alacant dous ciberdelincuentes membros do grupo Ragnar Locker, unha organización especializada en extorsionar mediante o secuestro de datos. Trátase dunha macrooperación internacional en que participaron 11 países e que supuxo un golpe contra este grupo responsable de numerosos ataques contra estruturas "críticas" de todo o mundo.

Ademais dos dous detidos en Torrevieja e Alacant, hai un terceiro detido en Letonia. A infraestrutura do 'ransomware' foi desmantelada en Países Baixos, Alemaña e Suecia. Por outra banda, o sitio web de fuga de datos asociado en Tor foi desarticulado en Suecia.

O presunto creador deste popular programa de secuestro informático foi localizado na República Checa. Ademais, leváronse a cabo varios rexistros en Ucraína, segundo informou a Garda Civil.

A investigación foi dirixida pola Xendarmería Nacional francesa, xunto coas autoridades policiais da República Checa, Alemaña, Italia, Xapón, Letonia, os Países Baixos, España, Suecia, Ucraína e Estados Unidos.

Durante os rexistros, ademais da intervención de diferente material informático, a Garda Civil incautou tres tipos distintos de criptomoedas: bitcoin (BTC), litecoin (LTC) e binance coin (BNB).

O 'ransomware' é unha modalidade de 'malware' no que a información sensible contida nos servidores dunha empresa é cifrada para pedir posteriormente o pago do rescate, xeralmente esixido en criptomoedas, a cambio da clave de descifrado para recuperar a información.

Empregaban unha dobre táctica de extorsión, mediante a que esixían pagos "desorbitados" polas ferramentas de descifrado, así como para non difundir os datos confidenciais roubados durante o ataque informático. Así, advertían expresamente ás vítimas de que "habería consecuencias" se avisaban á Policía, e que publicarían os datos roubados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade