Detidos en Ourense tres membros dunha banda itinerante que roubaba en vivendas
Detidos en Ourense tres membros dunha banda itinerante que roubaba en vivendas
Atribúenlles once roubos con forza en Oviedo, Vigo e Ourense, ademais dos delitos de pertenza a organización criminal e falsidade documental
A Policía Nacional detivo en Ourense a tres individuos como presuntos autores de, polo menos, 11 delitos de roubo con forza en interior de domicilios de Vigo, Ourense e Oviedo, pertenza a organización criminal e falsidade documental.
As detencións realizáronse o pasado 8 de xullo no marco dunha investigación específica para a loita contra os roubos con forza en interior de vivendas. As investigacións do Grupo UDEV (Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta) da Brigada de Policía Xudicial, coa colaboración da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, así como pola Brigada Provincial de Policía Científica, acreditan a participación dos presuntos autores en base a distintas probas periciais e á utilización dun "modus operandi" similar, para acceder ao interior das vivendas cando se atopan baleiras.
Grupo itinerante
Os tres detidos tamén son investigados por pertenza a unha organización criminal, neste caso como grupo itinerante. Estas bandas itinerantes, apuntou a Policía, son case sempre de orixe familiar, altamente especializados, estruturados e coas funcións moi ben definidas.
Aséntanse de xeito temporal nunha zona xeográfica "na que son moi coidadosos coas súas medidas de seguridade para evitar ser detectados por parte dos investigadores".
"Trátase dunha delincuencia internacional que permanece en España por un período curto de tempo, o suficiente para cometer delitos contra o patrimonio e unha vez logrados os seus obxectivos marchan" asegura un voceiro policial.
Os detidos portaban diversa documentación que, tras realizar as oportunas comprobacións, verificouse que era falsa. Así, practicadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos por parte da unidade investigadora, os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución de Garda.