Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban nunha cafetería e nunhas piscinas na comarca do Ribeiro

Rouban nunha cafetería e nunhas piscinas na comarca do Ribeiro

Os veciños din que levan semanas padecendo unha vaga de roubos

Castrelo de Miño e Ribadavia foron o escenario dos últimos sucesos

G24.gal 06/09/2024 12:50
Andrés Pavón/David Gil

Forzaron a porta de entrada, accederon ao local e levaron as caixas rexistradoras e unha tableta. É o resultado do último roubo que se produciu en Castrelo de Miño, un concello que está a padecer unha vaga de asaltos nas últimas semanas. De feito, o xerente do local afectado, O Náutico, recoñece que xa contaban con que se producira o roubo, tendo en conta a escasa vixilancia policial que hai na zona e os delitos recentes.

"Eu xa avisara os compañeiros de que isto ía pasar, porque levamos unha vaga de roubos en Castrelo que levaba a isto.", di Dositeo Veiga, xerente do Náutico de Castrelo.

A seguinte visita dos ladróns foi nestas piscinas públicas da Veronza, en Ribadavia. O modus operandi foi moi semellante. Romperon o cadeado da porta exterior e despois forzaron a interior cunha pata de cabra. Unha vez dentro, abriron as máquinas expendedoras. O botín foi cativo, pero os danos importantes. Por sorte, non levaron o material de limpeza e mantemento das piscinas, que ten un alto valor económico. 

"Avisamos a policía e non tocamos nada. Fixeron moitos desperfectos e obrigaron a pechar a piscina antes de tempo.", explica Ernesto Cedeño, encargado das piscinas de Ribadavia

A Garda Civil trata de identificar os autores destes dous roubos e dos producidos nas últimas semanas e investiga se son os mesmos en todos os casos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade