Dez feridos tras bateren un furgón e un turismo en Porto do Son
Dez feridos tras bateren un furgón e un turismo en Porto do Son
Os dous vehículos chocaron na AC-550, nas proximidades do areal da Aguieira
Dez persoas quedaron feridas tras un choque frontal entre un furgón e un coche na estrada AC-550, no concello de Porto do Son, no treito entre esta localidade e Portosín.
A colisión produciuse na zona do areal da Aguieira contra as oito do serán do venres. Os bombeiros tiveron que excarcerar un dos feridos, que quedou atrapado no turismo e foi trasladado de urxencia en helicóptero a Santiago.
O resto dos feridos, seis dos sete ocupantes do furgón e os tres do coche recibiron asistencia médica no lugar do sinistro. No furgón viaxaban sete turistas estranxeiros. A Garda Civil desviou o tráfico, xa que a estrada quedou inutilizable. O furgón envorcou tras o choque no medio da vía.
Ademais dos bombeiros dos dous parques do Barbanza e dos axentes da garda Civil, colaboraron efectivos de Protección Civil de Porto do Son, do GES de Noia e das urxencias sanitarias e axentes da Policía Local de Porto do Son.