Díaz escolle o embaixador de España ante a ONU como número dous por Madrid
Díaz escolle o embaixador de España ante a ONU como número dous por Madrid
Foi xefe de Gabinete do ministro Moratinos no Goberno de Zapatero
O actual embaixador de España ante Nacións Unidas Agustín Santos Maraver irá de número dous na lista por Madrid de Sumar, a coalición de partidos de esquerda liderada pola vicepresidenta Yolanda Díaz, para as eleccións xerais.
Comunicouno este luns a propia Díaz na súa conta de Twitter, onde destacou que este anuncio é unha "moi boa noticia", xa que "a defensa do multilateralismo, dos dereitos humanos e a loita global contra o cambio climático son claves en Sumar".
Quiero contaros una muy buena noticia:
— Yolanda Díaz (@Yolanda_Diaz_) June 12, 2023
Agustín Santos Maraver, actual Embajador de España ante Naciones Unidas, será el número 2 de Sumar por Madrid.
La defensa del multilateralismo, de los derechos humanos y la lucha global contra el cambio climático son claves en @Sumar. pic.twitter.com/GqBdsFM6zs
Desta forma, os cinco primeiros postos da lista por Madrid quedan aclarados, dado que a número tres é a activista saharui Tesh Sidi, o cuarto posto recae no líder de Más Madrid Íñigo Errejón e a quinta praza ostentaraa a secretaria xeral de Podemos e ministra de Dereitos Sociais Ione Belarra.
Santos Maraver naceu nos Ánxeles (Estados Unidos) o 21 de setembro de 1955. É licenciado en Filosofía e Letras e en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Ingresou na carreira diplomática española no ano 1982 e exerce desde 2018 como embaixador representante permanente de España ante as Nacións Unidas en Nova York.
Durante a súa carreira exerceu diversos cargos, entre eles xefe de Gabinete do ministro de Asuntos Exteriores e Cooperación Miguel Ángel Moratinos durante a etapa do socialista José Luis Rodríguez Zapatero como presidente do Goberno e xefe de Gabinete do Presidente da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e embaixador representante permanente de España ante a Oficina de Nacións Unidas, o Consello de Dereitos Humanos e as Organizacións Internacionais en Xenebra.
Tamén foi cónsul xeral de España en Cidade do Cabo (Suráfrica) e en Perpiñán (Francia) e ocupou cargos en diversos destinos, tales como Washington D. C., Pequín, Canberra, Bruxelas e A Habana.
Tras coñecerse a elección, varios afíns á vicepresidenta segunda destacaron o perfil de Santos e o idóneo da súa incorporación, como o deputado na última lexislatura e representante de Galicia en Común Antón Gómez-Reino.
"Un proxecto democrático de benestar e futuro para a nosa sociedade e para o mundo constrúese sumando a tradición de paz das esquerdas e a experiencia e compromiso de xente que, como Agustin Santos, sabe facer do multilateralismo a mellor ferramenta de transformación", subliñou.