Dimite o xefe de xinecoloxía do CHUS pola obriga de que os xinecólogos fagan gardas na Barbanza
Dimite o xefe de xinecoloxía do CHUS pola obriga de que os xinecólogos fagan gardas na Barbanza
Macía tomou esta decisión a pesar de que todos os facultativos e médicos residentes da Unidade lle mostraron o seu apoio explícito
A xerencia da área defende que as necesidades asistenciais "son unha prioridade a que hai que dar resposta"
O xefe de xinecoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago Manuel Macía presentou a súa dimisión despois de que a xerencia "continúe impondo a xinecólogos do Clínico a realización de gardas na Barbanza durante anos", segundo indicou a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia nun comunicado.
CEMS denunciou publicamente este xoves "actitudes ditatoriais" e sinalou que Macía tomou esta decisión "a pesar de que todos os facultativos e médicos residentes da Unidade lle mostraron o seu apoio explícito". Segundo explicou CESM nun comunicado, "no seu día" os xinecólogos de Santiago comprometéronse coa xerencia a realizar de forma temporal un determinado número de gardas no Hospital Comarcal, pero "esa temporalidade estendeuse no tempo".
Nesta liña, definiu a situación deste servizo como "inaceptable" e asegurou que "o ordeno e mando, saltando os cargos intermedios, é unha práctica habitual". Deste xeito, reclamou que, para garantir o correcto funcionamento do Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Barbanza, é necesario "un cadro de, polo menos, sete facultativos con contratos estables".
A xerencia da área defende que as necesidades asistenciais "son unha prioridade a que hai que dar resposta"
En resposta a Europa Press, a xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza indicou que as necesidades asistenciais dos pacientes "son unha prioridade a que hai que dar resposta". Puntualizou que "nestes momentos de carencia de facultativos en determinadas especialidades, a xerencia agradece moi especialmente o maior esforzo que implica aos profesionais atenderen as necesidades asistenciais".
Sinalou que se están facendo "importantes esforzos para, dentro das competencias propias, mellorar a situación e ofrecer alternativas organizativas". Ademais indicou "o diálogo permanente cos profesionais e mandos intermedios". Así mesmo, lembrou que a configuración da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza implica "unha atención equitativa" aos preto de 450.000 habitantes que a integran.