Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mellora a conectividade cos hospitais de Santiago para os traballadores da Estrada e Ordes

Mellora a conectividade cos hospitais de Santiago para os traballadores da Estrada e Ordes

Mellor conectividade dos buses co CHUS

A Xunta reforza as conexións con Ordes e A Estrada cun servizo á medida das quendas dos traballores sanitarios
 

Unha traballadora do CHUS que vive na Estrada estreando o novo servizo de buses
G24.gal 26/03/2024 11:04

"Eu vou encantada, oxalá funcione, para iso nos movemos para que nolo puxesen porque agora na quenda de tarde sobre todo, aparcar alí é imposible porque no aparcadoiro que temos pagado están os da mañá que aínda non saíron e aparcar agora pola tarde é de tolos", apunta Mercedes Lamazares, traballadora do CHUS.

Mercedes vive na Estrada e foi das primeiras en estrear unha das novas liñas de autobús que a Xunta puxo en funcionamento para mellorar a conectividade cos hospitais de Santiago. Están sobre todo pensadas para os traballadores sanitarios, por iso as frecuencias son á medida das súas quendas de traballo. Hoxe é o segundo día de funcionamento. En xeral o novo servizo gusta, aínda que piden pequenos axustes.

 "Andamos moi xustos, xa estamos pensando que imos perder o autobús da noite", conta Jenifer Pazos, traballadora do CHUS.

 "Os que teñen que dar remuda van un pouco xustos na quenda da mañá", insiste Mercedes.

Estes autobuses que cobren a liña Ordes-Oroso e A Estrada-Teo, súmanse aos que xa se habilitaron este verán para os veciños de Lalín e Silleda. Para chegar aos hospitais hai que facer transbordo na estación intermodal de Santiago. Iso si, con tempos de espera de entre 5 e 15 minutos.

 "O que buscamos é que sexa cómodo, que sexa sinxelo e que sexa relativamente rápido para que digamos os profesionais sanitarios non teñan que ter moito tempo de espera, e os viaxeiros. Insisto moito no persoal sanitario porque é o noso principal obxectivo, pero o certo é que pode estar tamén dirixido a persoas que van visitar familiares ou convalecentes nos hospitais", informa Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade.

Os novos usuarios tamén demandan o servizo durante a fin de semana. Polo de agora este novo servizo só funciona os días laborables de luns a venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade