Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dinamarca reabre espazo aéreo e marítimo en Gran Belt tras un fallo técnico cun mísil

Dinamarca reabre espazo aéreo e marítimo en Gran Belt tras un fallo técnico cun mísil

Activárase a lanzadeira dunha fragata durante un test obrigatorio

G24.gal 05/04/2024 09:13

As autoridades danesas reabriron o tráfico aéreo e marítimo ao redor do estreito do Gran Belt, un dos tres que conectan o mar do Norte co Báltico, tras resolver o fallo técnico que obrigou a pechalo o xoves.

As Forzas Armadas ordenaran a interrupción do tráfico nesa zona debido a un problema técnico cun sistema de mísiles a bordo da fragata Niels Juel, cando se activou a lanzadeira durante un test obrigatorio.

As autoridades advertiron entón do risco de que un mísil puidese ser lanzado a varios quilómetros de distancia, aínda que se descartou que puidese explotar.

"Os especialistas realizaron unha serie de probas distintas en que se puido constatar que o detonador non estaba montado e que xa non existe risco de que o mísil poida ser disparado", consta no último comunicado do Exército.

A zona de perigo estendíase entre cinco e sete quilómetros desde a base marítima de Korsør (sueste), onde está amarrada a fragata, e ata unha altura duns 1.000 metros en dirección sur e non na da ponte situada sobre o estreito, que une as illas de Selandia e Fionia.

A Autoridade Marítima avisara inicialmente aos barcos que navegaban pola zona do risco de caída de fragmentos de mísiles e aconselláralles que botasen a áncora se cumpría.

As manobras da mariña na zona empezaron o pasado mes de marzo e está previsto que terminen este venres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade