Dispositivo policial para dar co atracador de Vilanova de Arousa
Dispositivo policial para dar co atracador de Vilanova de Arousa
O atraco a man armada tivo lugar nunha tenda de roupa
A busca tamén se activou desde o aire cun helicóptero da Garda Civil
A Garda Civil puxo en marcha un amplo operativo para dar co home que fuxiu tras atracar armado unha tenda de roupa. Foi no concello de Vilanova de Arousa.
O atracador chegou ao establecemento de roupa infantil minutos despois de que abrira ao público.
Ía encapuchado e levaba consigo unha pistola. O asaltante pediulle os cartos que había na caixa á dependenta e fuxiu a pé desta tenda situada en pleno centro de Vilanova.
Tras ter coñecemento do atraco, a Garda Civil puxo en marcha un importante dispositivo de busca con varias patrullas rastrexando a contorna e controis en diferentes puntos da comarca.
A busca tamén se activou desde o aire, cun helicóptero da Garda Civil. Os axentes investigan tamén se a arma que levaba o atracador era real ou de xoguete, tampouco transcendeu aínda a contía do botín.