Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diversas empresas optan á instalación de aeroxeradores no litoral galego

Diversas empresas optan á instalación de aeroxeradores no litoral galego

Os proxectos en Galicia suporían despregar uns 600 eólicos cunha capacidade total de produción de máis de seis xigawatts/hora

O Goberno permitirá catro parques eólicos mariños na costa galega

G24.gal 28/02/2023 20:09 Última actualización 28/02/2023 22:54

Tras a decisión do Consello de Ministros de aprobar este martes os primeiros plans que delimitan as zonas de desenvolvemento da enerxía eólica mariña, ábrese a porta a varios proxectos para implantar aeroxeradores no litoral de Galicia. A distancia será unha cuestión prioritaria para non interferir noutros sectores produtivos coma a pesca ou o transporte marítimo.

Os proxectos en Galicia sometidos a trámite ante o Ministerio de Transición Ecolóxica, en caso de ser aprobados no futuro, suporían despregar en total preto de 600 eólicos de captación de vento cunha capacidade no seu conxunto para producir ata máis de seis xigawatts/hora.

Proxecto Ventus

Entre os últimos en presentarse figura o proxecto Ventus, promovido pola empresa cordobesa Abei Energy, que ten previsto poñer 40 aeroxeradores dunha capacidade de ata 600 megawatts/hora de potencia nunha superficie mariña duns 127 quilómetros cadrados a uns 30 quilómetros de distancia da costa da Mariña lucense.

Celta I  e Celta II, do grupo Ferrovial

Aínda que o Ministerio non aprobou polo de agora proxectos en España, en Galicia hai unha proposta de Celta I, do grupo Ferrovial, de poñer 33 aeroxeradores con capacidade para producir 495 MW en augas de Lugo.

Outro similar denominado Celta II, tamén de Ferrovial, aspira a poñer 34 aeroxeradores con 510 MW nunha zona marítima duns 90 quilómetros cadrados con profundidade de 120 metros situada a uns 50 quilómetros da costa de Vigo e 40 do litoral das illas Cíes.

Proxecto Galwind, do grupo Cobra

Entre os máis grandes figura o proxecto Galwind, do grupo Cobra, para poñer 68 aeroxeradores con capacidade para obter 1.000 MW nunha zona marítima próxima a Sabón e Xove, co fin de prover de enerxía os asteleiros públicos de Navantia.

Proxecto Nordés, da firma vasca Sener

O máis ambicioso é o proxecto Nordés para colocar 80 aeroxeradores en plataformas flotantes, 35 nunha primeira fase a 30 quilómetros da costa ártabra entre A Coruña e Ortigueira, e outros 45 nunha segunda, todos con capacidade para captar 1.200 MW.

Este proxecto flotante de Nordés, impulsado pola firma vasca Sener coa española de capital estadounidense BlueFloat, quere evacuar a enerxía ata Sabón mediante un cable somerxido de 50 quilómetros sen interferir na navegación.

Proxecto de Iberdrola

Ademais hai dous proxectos marítimos do grupo enerxético Iberdrola para poñer 35 aeroxeradores en San Brandán e captar 490 MW e outro de similares características en San Cibrao, tamén de 35 turbinas dun total de 490 MW.

Proxecto Volanteiro

Por último, o proxecto Volanteiro, promovido pola empresa española Capital Energy, prevá poñer 34 aeroxeradores ao sur de Vigo nunha superficie marítima de 95 quilómetros cadrados para obter unha potencia de ata 510 MW.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade