Prisión para os 18 detidos na operación que permitiu desartellar o laboratorio de coca de Cerdedo-Cotobade
Prisión para os 18 detidos na operación que permitiu desartellar o laboratorio de coca de Cerdedo-Cotobade
Prisión para os 18 detidos na operación que permitiu desartellar o laboratorio de coca de Cerdedo-Cotobade
A Audiencia Nacional decreta o seu ingreso en prisión acusados por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal
No laboratorio de Cotobade atoparon 40 quilos de cocaína xa procesada. En Madrid incautáronse de 80 quilos máis.
O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama enviou a prisión por tráfico de drogas e organización criminal as 18 persoas detidas no trascurso dunha operación que levou a desarticular en Cerdedo-Cotobade un dos máis grandes laboratorios de cocaína achados ata o de agora en Europa.
Os arrestados, segundo fontes da investigación, formarían parte dunha organización controlada por narcotraficantes de México e Colombia. A rede presuntamente dirixía o laborario instalado nun alpendre anexo a unha casa da parroquia de San Xurxo de Sacos e dedicado ao procesado de cocaína a gran escala.
Doce detención producíronse na provincia de Pontevedra, segundo confirmou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
O delegado pediu agardar a que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "digan exactamente e definitivamente de onde veñen eses alixos e se teñen algo que ver con alixos anteriores", como o do narcosubmarino achado hai unha semana na ría de Arousa, con capacidade para levar cinco toneladas de cocaína, pero que se atopaba baleiro.
"Estou convencido de que é un novo golpe contra o narcotráfico", sinalou Miñones, que insistiu en que "no ano 2022 os éxitos da Policía e da Garda Civil están ben patentes con moitísimas accións e un número moi importante neste caso de detidos e de alixos retidos".
O operativo, que permanece baixo segredo, desenvólvese desde o pasado martes, cando axentes da Brigada Central de Estupefacientes da Udyco chegados a Galicia desde Madrid despregáronse por distintos puntos da provincia de Pontevedra baixo a coordinación dun xulgado da Audiencia Nacional.
Nos exteriores do laboratorio de coca e na leira podían verse na mañá deste venres sacos de produtos químicos e decenas colectores plásticos que, presumiblemente, eran empregados para o tratamento das sustancias no interior do alpendre, que conta cunha instalación de tubaxes para a extracción de aire.
Tiñan toda a loxística necesaria neste macrolaboratorio, onde convertían a pasta de coca en cocaína xa lista para a venda e para o consumo. Poucos veciños hai nesta pequena aldea, A Longa de Abaixo a vinte minutos de Cotobade, pero pola zona ninguén sospeitaba nada
Aquí atoparon 40 quilos de cocaína xa procesada. En Madrid incautáronse de 80 quilos mais supostamente procedentes tamén deste laboratorio.