Dous accidentes múltiples con ata 10 vehículos implicados en Mondoñedo deixan catro feridos
Dous accidentes múltiples con ata 10 vehículos implicados en Mondoñedo deixan catro feridos
As colisións producíronse na A-8 no alto do Fiouco, onde a néboa foi intensa este sábado pola mañá
A autovía xa reabriu a circulación, coa visibilidade aínda reducida, tras varias horas cortada nos dous sentidos e con desvíos habilitados
Polo menos catro persoas quedaron feridas en dous accidentes múltiples con ata 10 vehículos implicados na A-8, ao seu paso polo municipio lucense de Mondoñedo, na zona do alto do Fiouco.
O 112 Galicia informou de que o sinistro se produciu contra as 11:30 horas entre o quilómetro 544 e 555, en ambos os sentidos de circulación. Como resultado dos dous accidentes, tal e como trasladou a central de emerxencias, hai catro persoas feridas leves.
Ata o lugar desprazáronse varias dotacións do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Barreiros e de Vilalba, Garda Civil, así como Policía Local e Protección Civil.
Tráfico cortou o tráfico durante varias horas na estrada nos dous sentidos da circulación e desviou o tránsito. Pasadas as dúas e media da tarde reabriu a autovía, pero mantivo o aviso de circulación difícil pola escasa visibilidade. Houbo importantes retencións na zona tanto polo accidente como pola néboa.
🔴#AXEGAInforma de dous accidentes múltiples con ata 10 vehículos implicados en Mondoñedo.
— 112 Galicia (@112Galicia) August 10, 2024
📍 A-8, entre o quilómetro 544 e 545, Argomoso.
➡️ Os accidentes producíronse sobre as 11:30 horas e obrigaron a cortar a estrada en ambos sentidos.
🧵⬇️ pic.twitter.com/YGcy5Ip86h