Dous detidos e tres investigados pola agresión a unha parella en Ourense
Dous detidos e tres investigados pola agresión a unha parella en Ourense
A malleira, gravada por un viandante, produciuse o pasado 30 de outubro na zona vella da cidade
A Policía Nacional de Ourense detivo dúas persoas e investiga outras tres por lesións, pola liorta acontecida hai unha semana na praza da Estrela, na zona vella da cidade.
Segundo informa a Policía Nacional esa noite, contra as 4 e media da mañá, unha parella parou un momento nas escaleiras da praza de volta á súa casa. Foi entón cando se lles achegaron tres mozos e dúas mozas de entre 18 e 21 anos que sen mediar palabra comezaron a agredilos, un deles mesmo cunha muleta, e outro propinoulle varias patadas na cabeza.
A agresión gravada en vídeo fíxose viral. Agora hai dúas denuncias cruzadas entre os participantes na liorta. Como resultado da investigación a Policía detivo dous dos agresores, que quedaron en liberdade tras prestar declaración, tamén se lles tomou declaración como investigados a outro home e a dúas mulleres.