Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dous detidos en Santiago na operación contra unha rede de extorsión a usuarios de webs sexuais

Dous detidos en Santiago na operación contra unha rede de extorsión a usuarios de webs sexuais

As vítimas, que eran chantaxeadas cando accedían a estas páxinas, pagaban cantidades de ata 15.000 euros

Hai 13 detidos e máis de 70 vítimas contabilizadas

G24.gal 20/05/2022 14:17 Última actualización 20/05/2022 14:36

A denuncia presentada en xaneiro en Palma de Mallorca foi o que permitiu que os investigadores comezaran a tirar do fío. A vítima accedía a unha web de servizos sexuais e a partir de aí comezaba o proceso de extorsión.

Explícao o inspector da Policía Nacional de Santiago, César Ramos: "Obtiñan datos persoais, teléfono, contactaban con eles e solicitábanlles o pagamento polos gastos xerados de accederen a estas páxinas; se non accedía recibían ameazas de morte e mesmo algunha fotografía onde se vían persoas con armas de fogo".

Os grupos de ciberdelincuencia da policía descubriron entón un 'modus operandi' sistemático con quen visitaba estas páxinas. "Chegáronse a pagar ata 10.000 ou 15.000 euros; concretamente esta vítima pagou uns 4.500 euros", di Ramos.

E as vítimas xa se contaban por ducias, en diferentes localizacións. "70 vítimas máis, o que derivou nunha investigación a nivel internacional".

Para loitar contra este tipo de delincuencia crecente, a policía recomenda denunciar sempre e nunca ceder á chantaxe, "porque aínda pagando non garantimos que non nos vaian pedir máis diñeiro, e ao pagar estamos axudando a estas organizacións criminais que lles permiten a estes grupos manter unha estrutura económica para seguir extorsionando aínda máis persoas".

Os 13 detidos poden enfrontarse a penas de ata oito anos por extorsión e ata cinco por pertenza a grupo criminal. Ademais, adoitan sumarse tamén delitos de falsidade documental ou contra a Facenda Pública.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade