Dous expertos en dereito constitucional valoran a supresión do delito de sedición
Dous expertos en dereito constitucional valoran a supresión do delito de sedición
José Julio Fernández e Roberto Blanco Valdés consideran que a reforma deixa o Estado nunha posición de indefensión
A desaparición do delito de sedición abre un novo escenario para os dirixentes condenados pola declaración de independencia de Cataluña e tamén para os fuxidos da xustiza.
A modificación do Código Penal que pon en marcha o Goberno xera todo tipo de interpretacións xurídicas e políticas. A TVG recolleu a opinión de dous analistas, José Julio Fernández e Roberto Blanco Valdés, expertos en dereito constitucional.
"Que mensaxe se envía con esta reforma? Que aquelas persoas que queren rachar a orde constitucional pódeno facer sen grandes problemas", opina José Luis Fernández Rodríguez.
"O que é claro é que o Estado queda nunha posición de absoluta indefensión", di Roberto Blanco Valdés.
"Que busca o delito de sedición ou que buscaba? Pois protexer a orde pública, no fondo iso é protexer a Constitución, a integridade territorial de España", engade Fernández Rodríguez.
"O Goberno non fai o que dixo que ía facer, que era reducir as penas. O que fai é suprimir o delito", afirma Blanco Valdés.
A reforma do Código Penal que prepara o Goberno suprime o delito de sedición, múdao polo de "desordes públicas agravadas".
"Podíase suprimir o dereito de sedición si, pero mellorando o de rebelión, que hoxe é moi complicado de aplicar", di Fernández Rodríguez.
A proposta de lei presentada polos socios de Goberno abre un novo escenario para os dirixentes condenados e os fuxidos da xustiza polo referendo unilateral en Cataluña.
"Pensar que un dirixente que proclama a independencia de Cataluña, que convoca un referendo ilegal vai ser xulgado por desordes públicas, é moi forte", considera Blanco Valdés.
"Eu creo que se se suprime o delito de sedición e aparece outro de desordes públicas, os que estaban perseguidos por sedición quedan liberados, porque non se substitúe por outro delito", estima Fernández Rodríguez.
A desaparición do delito de sedición podería estar tramitada antes de final de ano.