De Cambados a Vilagarcía, dous modelos de emprendemento diferentes
De Cambados a Vilagarcía, dous modelos de emprendemento diferentes
Un vende cultura e o outro consumismo, e os dous teñen éxito
Son dúas tendas que acaban de abrir as súas portas con éxito, moi preto na distancia, pero nas antípodas no modelo de emprendemento. A Casa das Formigas nace en Cambados coma un espazo alternativo para crear e difundir cultura sobre todo galega.
"Neste espazo podes atopar sobre todo un montón de historias recollidas en diferentes formatos, tanto en libros, sobre todo en galego e discos tamén de selos discográficos galegos", apunta Cristina Padín, creadora da Casa das Formigas.
Cos libros e cos discos conviven xoias, ilustracións e pezas artesanais de novos creadores que atopan aquí un escaparate onde dar a coñecer a súa obra.
"Artistas como Iria Ribadomar, Andrea Area e en xoiería como Milena Colella que é unha rapaza de Cambados tamén entón intentamos tirar un pouco de artistas locais ademais de artistas galegas", continúa Cristina.
Este novo negocio que acaba de abrir Cristina é a culminación do seu soño e conta tamén cun estudo fotográfico e un espazo para facer talleres creativos que están tendo moi boa acollida.
Pero si medimos o éxito pola afluencia de clientes, este outro de Vilagarcía leva a palma. Aquí véndense como paquetes sorpresa devolucións de Amazon a prezos fixos de entre 5 e 10 euros. Nos case quince días que leva aberto pasaron por el máis de 3.000 clientes de todos os puntos de Galicia e incluso de Asturias.
"Pode saír de todo, dende téxtil, desde complementos, menaxe ata algún teléfono que xa saíu, algunha tableta, drons, aspiradoras, un pouco de todo", informa Miguel Ángel Diz, encargado de Remate total.
Todos os paquetes veñen en lotes de Alemaña, incluso figuran os nomes dos seus destinatarios. É consumismo puro e duro, ás apalpadas. Aquí a que tenta é a fortuna, se sae algo que non precisas sempre se pode volver vender noutra tenda de segunda man.