Dous monumentos ourensáns abandonan a lista vermella de patrimonio
Dous monumentos ourensáns abandonan a lista vermella de patrimonio
Trátase da Torre do Olivar, no concello ourensán de Puga, e o mosteiro de Trandeiras, en Xinzo de Limia
Esta torre do século XV dende a que se divisa o curso do Miño, en pleno corazón do Ribeiro, foi un dos últimos monumentos en abandonar a lista vermella de patrimonio que elabora a asociación Hispania Nostra para alertar sobre aqueles bens que se atopan en risco debido o mal estado de conservación.
Ligada á familia Puga, estivo habitada ata mediados do século XX cando caeu no abandono.
O grupo adegueiro Pazo do Mar fíxose con todos os terreos da zona, incluída a torre, para ampliar o seu viñedo.
Un traballo complicado, lembra Eva Méndez, responsable da empresa, por mor dos múltiples propietarios que foron herdando este patrimonio.
Baixo as directrices de Patrimonio levaron a cabo xa a primeira fase da rehabilitación.
Nunha segunda acometerán a reforma da contorna, incluído o hórreo e o lagar. O obxectivo é acoller clientes e facer catas neste recinto singular.
Na Limia atopamos outra xoia patrimonial, o mosteiro franciscano do Bon Xesús de Trandeiras. Un dos últimos construídos en Galicia, no século XVI, e, como destaca Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia, un dos primeiros da transición ao estilo renacentista. Conta ademais cun sistema hídrico dos máis importantes do noroeste peninsular.
Ao longo da súa historia enfrontouse a varios asaltos e incendios ata que a desamortización o levou a mans privadas. Case sen uso acabo completamente abandonado. O concello de Xinzo de Limian fíxose con el a finais do século pasado pero non foi ata agora cando conseguiu saír da lista vermella de patrimonio tras as obras de consolidación de muros e infraestruturas hidráulicas levadas a cabo pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Aínda que estes dous monumentos xa se atopan na lista verde, permanecen en perigo unha decena de bens en toda a provincia.