Dous mortos ao saír da vía un camión de porcos e esmagar un coche en Vilamartín de Valdeorras
Dous mortos ao saír da vía un camión de porcos e esmagar un coche en Vilamartín de Valdeorras
Hai tamén varios feridos que viaxaban en dous turismos que bateron contra o camión
Grave sinistro o acontecido na nacional 120 á altura de Vilamartín de Valdeorras. Un camión que transportaba porcos dirixíase cara O Barco, cando por causas que se descoñecen saíu da vía e foi bater contra un coche no que ían tres persoas, que quedaron feridas leves.
O camión envorcou e foi caer sobre outro vehículo esmagándoo case por completo, nel ía unha muller de 41 anos que faleceu. Tamén o condutor do camión, de 51 anos. Foi preciso cortar un tramo da nacional 120 e desviar o tráfico durante toda a mañá para facilitar o traballo dos servizos de emerxencia.
Foi pouco antes das sete da mañá cando varios particulares alertaron dun sinistro na nacional 120 á altura do concello de Vilamartín de Valdeorras.
"Os primeiros equipos que chegaron viron un camión totalmente envorcado, cargado de porcos. Batera contra un turismo. O condutor do camión estaba falecido e os tres ocupantes do turismo feridos leves. Posteriormente comprobouse que baixo o camión había atrapado outro turismo. Explica Javier Barja, Xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense."
O camión, procedente de Melide, transportaba porcos. Descoñécese por que o condutor saíu da vía, chocou contra outro coche e envorcou, atrapando ao mesmo tempo outro vehículo baixo o camión. A muller falecida tiña 41 anos e conducía cara á Rúa. Ía traballar a apenas uns quilómetros do lugar do sinistro.
"En canto as circunstancias estamos analizando todas as pegadas, todas as marcas da vía. Non temos ningunha proba testifical, ninguén que vira o accidente salvo os feridos que aínda non declararon, a ver qué poden achegar. Pero en principio parece que hai unha invasión do camión no carril contrario, as causas da invasión descoñecémolas polo momento, pode haber unha velocidade inadecuada, unha somnolencia, unha distracción… non o sabemos, estamos a estudalas."
Canda os servizos de emerxencia traballan ademais dous guindastres, un deles de grandes dimensións, para levantar o camión e liberar o coche atrapado. Foi contra a unha do mediodía cando conseguiron acceder ao vehículo. O aparatoso do accidente obrigou a cortar a nacional 120 nun tramo duns dous quilómetros e medio e desviar o tráfico por Vilamartín de Valdeorras para facilitar o traballo dos servizos de emerxencia.