Dous policías agredidos nunha liorta multitudinaria entre menores na Coruña
Dous policías agredidos nunha liorta multitudinaria entre menores na Coruña
Os axentes que trataban de parar o enfrontamento foron rodeados polo grupo e sufriron tamén ameazas cunha barra metálica
Os rapaces poderían estar baixo os efectos do consumo de alcol e drogas
Dous axentes da Policía Nacional resultaron feridos cando acudiron a intentar frear unha liorta multitudinaria este venres pola noite na Coruña, nas proximidades do parque de Santa Margarida.
Unha dotación do Grupo de Atención ao Cidadá recibiu pouco despois das 22:20 horas un aviso sobre a pelexa entre unhas quince persoas, a maioría menores de idade, na rúa Pérez Cepeda.
Cando chegaron ao lugar os axentes atoparon os mozos en actitude hostil e aparentemente baixo os efectos do consumo de alcol e substancias estupefacientes. Non atenderon aos requirimentos dos axentes, que sufriron empurróns, puñadas e insultos.
Unha moza do grupo tivo unha indisposición e convulsionou, polo que precisou atención de Urxencias Sanitarias, aínda que cando intentaban axudala rabuñou os axentes, conforme indica o Sindicato Unificado da Policía, que denunciou os feitos.
Aseguran que houbo un momento crítico cando intentaban separar e inmobilizar dous dos protagonistas na liorta, momento en que o resto do grupo, a maioría rapaces de entre 16 e 17 anos, rodeou os axentes para conminalos a que os soltasen. Mesmo recibiron ameazas cunha barra metálica duns 20 centímetros e rompéronlle o chaleco a un dos efectivos.
Tras pediren reforzos sumáronse tres dotacións policiais e os autores da agresión están identificados, polo que se poderían producir detencións.
Os dous axentes recibiron atención das lesións no hospital HM Modelo con contusións, hematomas, cortes e contracturas, pero xa recibiron a alta médica.
A organización policial que se vai presentar como acusación particular contra os mozos, asegura que se repiten con frecuencia situacións complexas para os policías pola presenza de menores baixo os efectos de alcol ou drogas. Debido ao seu estado de axitación alteran a libre convivencia das persoas e as dotacións de Seguridade Cidadá afrontan estas situacións en inferioridade, o que pon en perigo os axentes, asegura o sindicato.