Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas mulleres asasinadas en Sevilla e Xaén que se investigan como presuntos crimes machistas

Dúas mulleres asasinadas en Sevilla e Xaén que se investigan como presuntos crimes machistas

Na capital hispalense a policía detivo o home que fora parella sentimental da muller que resultou degolada

En Xaén atoparon unha parella morta, os indicios apuntan a unha secuencia de muller asasinada e posterior suicidio do autor do crime

G24.gal 03/09/2023 21:24 Última actualización 03/09/2023 21:59

Neste edificio do barrio da Macarena de Sevilla viviuse outro cruel episodio investigado como posible asasinato machista. A Policía Nacional recibía esta mañá unha chamada que alertaba dun caso de violencia. Cando os axentes chegaron ao lugar comprobaron que había unha muller falecida que fora degolada. Tiña 47 anos e era de nacionalidade filipina.

O suposto autor do crime, un home tamén nacido nas Filipinas, fora a súa parella sentimental. O detido, duns 40 anos, estaba preparando unha corda coa intención de suicidarse, segundo a versión policial. El traballaba nun restaurante da capital hispalense e ela era empregada do fogar.

Mentres, en Xaén a Garda Civil investiga a morte dunha muller e dun home de nacionalidade nicaraguana que foron encontrados sen vida no seu domicilio na localidade de Villanueva del Arzobispo. Os cadáveres presentaban feridas causadas por disparos con armas de fogo.

"Pódese confirmar que non hai denuncias previas, que non está metido en Vioxen, que non había nada de nada de nada. Nós si que podemos confirmar iso, e xa o que pasara ao longo destes días saberase coa investigación. O que teñan que dicir xa o dirán", explicaba Isabel Nogueras, alcaldesa de Villanueva del Arzobispo.

Esta parella estaba en trámite de separación e os indicios apuntan a que a muller foi asasinada e o home se suicidou pouco despois de cometer o crime coa mesma arma de fogo. En caso de que este suceso e o de Sevilla se confirmen como crimes machistas, ascenderían a 15 as vítimas deste ano en Andalucía.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade