Dúas persoas feridas ao caer a cornixa dun edificio no centro da Coruña
Dúas persoas feridas ao caer a cornixa dun edificio no centro da Coruña
As vítimas, con lesións leves, tomaban algo na terraza dun restaurante situado na praza de Vigo
Técnicos do concello da Coruña revisaban este sábado cos bombeiros a fachada do edificio situado na céntrica praza de Vigo, onde esta noite se precipitaba á rúa parte da cornixa dun sexto andar e ocasionaba feridas a dúas persoas.
A priori, a comunidade de propietarios terá que facerse cargo dos arranxos da fachada e das medidas de seguridade e mentres tanto, os locais situados na planta baixa do edificio permanecerán pechados.
"Estivo o técnico municipal revisando a fachada moi polo miúdo e mesmo retirou algún cascallo nalgún punto onde podía caer de xeito doado, e agora vaise esperar a que a propiedade tome medidas de seguridade para que se poida circular debaixo da fachada do edificio. Namentres, os locais están clausurados", aclaraba Víctor Sánchez, sarxento dos Bombeiros da Coruña.
Esta mañá aínda se podía ver na rúa parte da cornixa que caeu dende o sexto andar e que a fortuna fixo que só provocara dous feridos leves, que nese momento estaban na terraza dun dos locais.
"Caeu xusto onde está a parasol. Xusto ao carón había unha mesa. Había unha moza que estaba sangrando pola meixela, outro mozo sangrando polo brazo. Todo o mundo levantouse correndo e quedamos estupefactos, porque puido matar a alguén tranquilamente", relataba a encargada do local máis afectado polos cascallos.
"Os clientes estábanse levantando porque ferírase un deles. Os cascallos tocaron a cara dunha señora. Foi un pouco o susto do momento", comentaba unha testemuña.
Propietarios do edificio afectado indicaron que solicitaran meses atrás un proxecto de reforma do inmoble que está pendente de execución, pero que ninguén os advertira de que había risco de desprendementos.