Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gandeiros de carne enchen Lugo de tractores e prevén quedar "indefinidamente"

Gandeiros de carne enchen Lugo de tractores e prevén quedar "indefinidamente"

Denuncian a asfixia do sector polos custos de produción e os baixos prezos en orixe

Os gandeiros prenderon lume a pacas de palla durante a protesta (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 11/05/2023 12:39 Última actualización 11/05/2023 16:41

Ducias de tractores ocupan desde o mediodía o centro de Lugo, concretamente a Rolda da Muralla. Fano seguindo a convocatoria de Gandeiros Galegos da Suprema, que denuncian a asfixia do sector polos custos de produción e os baixos prezos en orixe.

Os vehículos agrícolas foron estacionándose na céntrica rúa luguesa e alí prevén permanecer "de xeito indefinido", a diferenza do que sucedeu na primeira tractorada, que tivo lugar o pasado 18 de abril, ata que obteñan una resposta satisfactoria das administracións.

A protesta tiña previsto partir contra ás 12:30 do parque empresarial das Gándaras. Non obstante, moitos gandeiros saíron antes en dirección ao centro da cidade e ocuparon parte desa Rolda da Muralla.

Mentres, varios participantes na protesta concentrábanse ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, onde queimaron varias pacas de herba seca, ademais de lanzar ovos contra a fachada do edificio, onde máis alá diso non chegaron a rexistrarse incidentes de importancia.

Posteriormente, con bastante atraso sobre o horario previsto, partiu unha manifestación a pé dos gandeiros, que percorreu as rúas do centro de Lugo e pasou pola Subdelegación do Goberno.

Os gandeiros denuncian que as explotacións de carne de vacún de calidade están vendendo a perdas polo aumento dos custos de produción, os abusos dunha industria monopolista e os recortes na Política Agraria Común.

Gandeiros que participaron na protesta lembraban que están a cobrar menos polo froito do seu traballo que “hai trinta anos”.

“Hai trinta anos, o quilo pagábase a mil pesetas, a 6 euros, pero a nós subiunos o prezo do penso, que está 500 euros a tonelada, e outros insumos, ademais do gasóleo agrícola, que compramos a 1,10 euros. Todo subiu, menos o que nos pagan pola carne”, lamentaba un dos manifestantes.

“Estamos aquí para reclamar que suba o prezo que se nos paga pola carne que producimos. Ao consumidor si lle subiu o prezo, pero a nós non. Ademais, a PAC condiciónanos moitísimo, porque son moitos trámites que logo non vén repercutidos nun maior beneficio para nós”, lembraba outra gandeira.

Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, recoñeceu que existen contactos extraoficiais coa Xunta de Galicia, aínda que ningunha reunión formal desde o pasado 18 de abril, cando se produciu esa primeira tractorada polas rúas de Lugo.

No caso do Goberno central, afirma que tivo mesmo “menos tacto”, porque o “mutismo” foi absoluto e non houbo resposta algunha pola súa banda ás demandas expostas no manifesto do pasado 18 de abril, que foi rexistrado polos gandeiros na Subdelegación do Goberno.

Rego recoñeceu que, chegados a este punto, “os ánimos están moi crispados” entre os produtores de carne.

O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema dixo que unha das súas demandas é a creación dunha liña de axudas directas por produción de calidade, que chegue aos gandeiros a través de “a Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega”.

Nese sentido, lembrou que a carne está a chegar aos consumidores “a un prezo adecuado”, pero “ao elo máis débil da cadea”, que son os gandeiros, non se lle paga a parte correspondente do valor xerado na cadea, porque seguen vendendo o froito do seu traballo a perdas.

Por iso, como posible solución, expoñen a creación dunha liña de axudas específicas á produción “desa carne de extraordinaria calidade”, suficientes para “complementar” o que cobran os gandeiros en orixe para “cubrir os custos de produción e obter un beneficio, como calquera outro traballador que realiza un traballo”.

Axudas da Xunta

Os máis de 7.300 gandeiros de vacún de carne comezaron a cobrar hoxe as axudas da Xunta para compensar o sector polas consecuencias da guerra de Ucraína. Son en total case 14 millóns de euros, que se suman aos máis de doce millóns que recibiron nas últimas semanas. O conselleiro do Medio Rural solicitou unha reunión urxente co ministro de Agricultura, Luis Planas, para adoptar medidas en defensa deste sector. O conselleiro pide que se elimine o IVE da carne.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade