Dybala, o 'superporco' de máis de 400 quilos que vive a carón do mar en Oia
Dybala, o 'superporco' de máis de 400 quilos que vive a carón do mar en Oia
Mide 2,15 metros de lonxitude, 1,30 metros de altura e superou os 400 quilos de peso, o que o sitúa entre os exemplares de máis tamaño de Galicia e de toda España
Juan José Losada, o seu propietario, mercouno hai tres anos e desde entón campa libremente nunha parcela con vistas a Punta Lagosteira
Converteuse nunha atracción entre os veciños e os peregrinos que pasan polo Camiño Portugués da Costa
Aló por 2020 o futbolista arxentino Dybala era unha das estrelas da Juventus de Turín. Ese mesmo ano Juan José Losada, un veciño de Punta Lagosteira (Oia) mercou un porquiño de 12 quilos, cruzamento de raza celta e duroc, na Feira de Lalín. "Tróuxeno para a casa e o meu fillo, cando viu que tiña a metade do corpo branca e a outra negra, dixo que semellaba a camisola da Juventus e decidiu bautizalo como Dybala", lembra o seu propietario.
Decidiron mercalo para que comese a herba e lles axudasea manter limpa unha parcela de 1.000 m2 ao carón da casa, fronte os cantís de Punta Lagosteira. Desde entón vive alí, dorme á sombra dunhas figueiras, conta cunha charca para refrescarse e pasea co seu dono pola zona gozando das vistas do Atlántico.
"Ao principio púxemoslle unha caseta, pero non a quería, prefería durmir á sombra das árbores. Cando era máis pequeno comportábase coma un cadelo, quería vir de paseo con nós e comezamos a coidalo coma se fose unha mascota".
Tres anos despois, a pequena mascota que chegou con 12 quilos de peso converteuse nun extraordinario exemplar de 2,15 metros de lonxitude, 1,30 metros de altura e un peso superior aos 400 quilos. Unhas cifras que o converten nun dos porcos máis grandes de Galicia e posiblemente de toda España. E é que ademais da herba Dybala ten bo dente: "Come de todo, cousas da horta, porque lle encantan as verduras e as froitas, pero tamén come moito pan que nos dan nunha panadería da zona, e mesmo lle encanta o chocolate".
O transitado Camiño Portugués pola Costa pasa moi cerca da casa de Juan José Losada, polo que xa foron moitos os peregrinos que se achegaron ata Dybala para facer unha foto con el, sorprendidos polo seu tamaño.
"Veñen os peregrinos e algún asústase ao achegarse e ver o tamaño dos seus cairos, pero non pasou ningún accidente, é moi bo. E ás veces tamén veñen os veciños e xente de Oia que escoitaron falar do animal. Converteuse en toda unha atracción", comenta orgulloso Juan José Losada.