Ecoener obtén en 2023 un beneficio neto de 12 millóns
Ecoener obtén en 2023 un beneficio neto de 12 millóns
É unha cantidade menor ca o ano anterior, e a compañía achácao a que hobo cambios lexislativos no mercado español
A compañía xa multiplicou por tres o seu tamaño nos últimos tres anos
O grupo multinacional galego de enerxías renovables Ecoener obtivo un beneficio neto de 12 millóns de euros en 2023, un 40,6 % menos que en 2022. Unha caída que a empresa atribúe aos cambios lexislativos do mercado español.
A compañía informou este xoves de que a peche de ano logrou uns ingresos de 64 millóns de euros -foron 72,9 millóns en 2022- e un beneficio neto de 12 millóns.
Ecoener obtivo en 2023 un beneficio bruto de explotación (Ebitda) de 34,1 millóns de euros, dos que 21 millóns corresponderon ao segundo semestre do ano e 13 millóns á primeira metade.
O Ebitda -superior en 12 millóns de euros ao obtido en 2021 e 10 millóns por baixo do alcanzado en 2022- ascendería ata os 57,5 millóns sen o impacto das medidas regulatorias, segundo indicou a compañía.
A marxe Ebitda do negocio de xeración de Ecoener mantívose por encima do 80 % o ano pasado.
Os investimentos de Ecoener en activos alcanzaron os 124 millóns de euros, un 2,22 % máis que en 2022, cando se chegou a 121,3 millóns.
O fluxo de caixa operativo foi de 11,8 millóns de euros, moi inferior ao de 2022, cando se alcanzaron os 52,5 millóns, mentres que o saldo de caixa final de ano foi de 75,5 millóns de euros.
Ecoener sinalou que durante o ano pasado experimentou un gran salto na súa dimensión internacional grazas á entrada en produción de novos e importantes activos cunha capacidade de 140 megawatts e á aposta por novos mercados: as 2 centrais fotovoltaicas Cumayasa 1 e 2, de 96 megawatts, en República Dominicana, e outra de 41 megawatts en Colombia.
O grupo conta neste momento con 400 megawatts en construción.
Ademais, entre 2020 e 2023, a empresa multiplicou por 2,7 veces o seu tamaño, pasando de 271 megawatts en operación e construción a 740 megawatts, situados en América e nas Canarias.
En Europa, Ecoener iniciou operacións en Grecia, desenvolvendo unha carteira de renovables de 350 megawatts, para a que xa dispón de primeira licenza, cun investimento de 300 millóns de euros.
A compañía abriu tamén oficinas operativas en Italia, Polonia, e Romanía nas que está a desenvolver proxectos.
Ao peche de 2023, o grupo ten xa garantidos 1.000 millóns de dólares en ingresos durante os próximos 15 anos grazas aos contratos de compravenda de enerxía (PPA), correspondentes á produción de 349 megawatts de enerxía fotovoltaica na República Dominicana, Honduras, Guatemala e Colombia.
En 2023 os ingresos vinculados a PPA significaron o 29,6 % do negocio.
Ecoener, que conta cunha carteira de activos de 740 megawatts, pechou o pasado exercicio cunha produción de 500 xigawatts hora, un 31 % máis que os 382 alcanzados en 2022.
Nunha nota de prensa, o presidente de Ecoener, Luís de Valdivia, indicou que "a compañía crece a bo ritmo, con solidez e estabilidade en ingresos".