Educación vai eliminar este curso os exames de recuperación en secundaria
Educación vai eliminar este curso os exames de recuperación en secundaria
Está recollido no real decreto que o Consello de Ministros aprobará o martes
A Xunta esixe a retirada do proxecto que considera "a favor do aprobado xeral"
O Ministerio de Educación eliminará este mesmo curso os exames de recuperación na etapa de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), porque ten que cumprir co ditame emitido polo Consello Escolar do Estado sobre esta cuestión.
Segundo explican fontes do departamento de Pilar Alegría, non se vai aplicar a moratoria dun ano que acordara a ministra de Educación tras recibir peticións de distintas comunidades autónomas de manter as probas este curso académico. Os exames fanse dende hai varios anos en xuño e xullo.
"A recomendación especial" do Consello Escolar do Estado é de obrigado cumprimento e esixe suprimir a disposición transitoria quinta, onde se prevía aprazar a eliminación destas probas, engadiron as fontes. Argumentan que non pode haber diferentes criterios segundo o territorio autonómico.
Real decreto
A eliminación dos exames de recuperación vén recollida no futuro real decreto de Avaliación, Promoción e Titulación que o Consello de Ministros aprobará o vindeiro martes, anuncian as fontes ministeriais.
O real decreto establece que o equipo docente adoptará colexiadamente as decisións sobre promoción e avaliación da ESO, sen que sexa obrigatorio realizar unha proba extraordinaria ou exame de recuperación das materias non superadas, que si terá que facer o alumnado de bacharelato.
Estipula que a avaliación na Educación Secundaria Obrigatoria será "continua, formativa e integradora" e, cando o progreso non sexa o axeitado, estableceranse medidas de reforzo. Ademais, será posible pasar de curso se o profesorado considera que as materias non superadas permiten continuar con éxito e hai expectativas favorables de recuperación.
A Xunta esixe a retirada
A Xunta vai reclamar a retirada do proxecto de real decreto. Segundo informa nun comunicado, o Ministerio de Educación e Formación Profesional comunicoulle que finalmente non vai incluír no texto legal a posibilidade de que os gobernos autonómicos que o desexen manteñan estas probas.
Para xustificalo, de acordo coa explicación do Executivo galego, "ampárase nos últimos ditames recibidos". Con todo, engade, o Ministerio de Educación "convida as comunidades a buscar instrucións ou outros mecanismos de incerta seguridade xurídica para sortear este impedimento".
Para a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta esta opción é "inviable" e sinala que "pon en serio risco a legalidade das cualificacións desas probas de recuperación".
Por tanto, agrega o Goberno galego, "é necesario que o ministerio desista da posta en marcha deste decreto que é, como a nova lei de educación (LOMLOE) no seu conxunto, unha medida en contra da cultura do esforzo e da calidade educativa e a favor do aprobado xeral".