O compositor coruñés Nani García, premio de Honra Fernando Rey nos Mestre Mateo
O compositor coruñés Nani García, premio de Honra Fernando Rey nos Mestre Mateo
Leva 40 anos traballando como intérprete, compositor, produtor e publicista, realizou máis de 100 publicacións e arredor de 700 composicións
O compositor coruñés Nani García foi o elixido pola Academia Galega do Audiovisual para recibir o Premio de Honra Fernando Rey na XXI edición dos Premios Mestre Mateo, que se celebrarán o próximo 11 de marzo no auditorio municipal de Ourense.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi o encargado de desvelar este mércores na Cidade da Cultura de Santiago a decisión da Academia, que valorou a súa traxectoria "pioneira" en Galicia na composición musical para cinema, televisión e outros formatos audiovisuais, "inspirando e animando as vocacións de moitos que viñeron despois".
Tamén por "enriquecer co seu talento" traballos que logo serían premiados co Mestre Mateo, o Goya e mesmo os Óscar, como é o caso da película "Unha muller fantástica", de Sebastián Lelio, mellor película de fala non inglesa en 2017, na que García participou.
Entre as súas numerosas bandas sonoras tamén se atopan as das longametraxes 'Valentina', 'Engurras' ou 'De profundis', e series como 'Guante blanco', 'As Leis de Celavella' ou 'Pratos combinados'.
Cunha traxectoria de máis de 40 anos como intérprete, compositor, produtor e publicista, realizou máis de 100 publicacións e arredor de 700 composicións en moi diferentes ámbitos da música contemporánea como o jazz, a ópera, a música sinfónica ou a de cámara, ademais das bandas sonoras.