Elabora xoias artesás con recordos persoais
Elabora xoias artesás con recordos persoais
As cinzas dun ser querido, o leite materno ou os bigotes dunha mascota son algúns dos tesouros persoais que Xeitosa converte en xoias
É unha artesá de Ourense, autodidacta, que descubriu na resina unha técnica para darlles forma ás máis sorprendentes creacións
A modo de presentación, Bea amósanos o anel que fixo cos bigotes da súa gata Chispa.
Beatriz Cándido, artesá de xoiería: "A resina é un material onde podes meter practicamente todo: a ecografía, un test de embarazo, un fragmento de cordón umbilical...".
Estudou na escola de artes e oficios, sabe de deseño gráfico, ilustración, fotografía... pero a técnica que emprega para a elaboración de xoias aprendeuna de xeito autodidacta.
"Probar e probar... As primeiras veces puña fotos, as fotos derramábanse... Pero é ir practicando e practicando", explica.
A súa especialidade son as xoias a base de flores que ela mesma recolle e seca, pero xa recibiu encargos do máis sorprendente.
Beatriz Cándido, artesá de xoiería: "O máis sorprendente para min foi o leite materno. Tamén as cinzas. Pediumo unha amiga da familia, que quería un colgante. Ao principio dábame respecto, pero é un recordo moi bonito. Igual que as fotografías inmortalizan momento, este tipo de xoias déixache un recordo físico doutras persoas ou animais".
De momento é só un pasatempo, pero xa ten marca propia, Xeitosa, que é como lle gusta traballar a ela.