En busca e captura o salesiano que abusou de seis menores en Cambados
En busca e captura o salesiano que abusou de seis menores en Cambados
O cura salesiano tiña que ingresar este luns na prisión, pero venceu o prazo e non se presentou
Cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados, co agravante de abuso de superioridade
Segundo Cousido Vieites foi condenado a 35 anos e medio de prisión por abusar no ano 2019 de 6 menores que asistían a un campamento nas instalacións que a congregación ten en Castrelo. Unha condena que, tras numerosos recursos do acusado, no mes de outubro ratificou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O sacerdote salesiano tiña que ingresar a máis tardar este luns na prisión, pero venceu o prazo e non se presentou, polo que a Audiencia emitiu esa orde de busca e captura contra el.
Os feitos rexistráronse nun campamento organizado pola congregación na súa sede de Cambados e nunha peregrinación a Santiago, así como, respecto a un dos menores, mentres vían a final da Champions nunha asociación xuvenil da que o colexio estaba a cargo, segundo recolle na sentenza da Audiencia Provincial.
Na resolución xudicial da Audiencia de 2021 indicábase que o sacerdote “aproveitou a situación de superioridade derivada da súa profesión”, da confianza que os menores, para realizarlles tocamentos. Cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados. En todos os casos, sinalou o tribunal, deuse a circunstancia agravante de abuso de superioridade.
Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espurio ou por interese de prexudicar ao procesado. Ao contrario, na súa resolución lembraron que o acusado "non era só un profesor, era o seu amigo, o seu referente" e os menores non gañaron nada denunciando os feitos, senón que, por contra, "sufriron as insidias e menosprezos doutros compañeiros que os chamaron mentireiros".