En Carballo claman pola reparación do firme da vella comarcal a Malpica

Algunhas fochancas superan os dez centímetros de profundidade e os rebentóns de rodas son frecuentes

Imaxe deste xoves dunha das fochancas máis fondas en tramo curvo da AC-414 ao paso por Xoane, Carballo
G24.gal 16/11/2023 14:04

Unha das fochancas na calzada da vella comarcal de Carballo a Malpica alcanza os trece centímetros de fonda. É un tramo calamitoso. Son pouco máis de dous quilómetros ao paso polo lugar de Xoane, na parroquia carballesa de Goiáns. Os veciños están fartos. Hai puntos en que esquivar as fochancas implica invadir o carril contrario en tramo curvo.

"Ou pola beira de todo ou polo medio, senón non se pode pasar. E así hai moitos accidentes... e non miran por nada. Esta estrada está abandonada de Deus" di Mari Carmen veciña de Xoane.

Antonio, tamén Veciño deste lugar de Carballo di que "onte romperon roda aquí catro coches. Daquelas, non sei que pasa... estamos a dous quilómetros de Carballo e é algo insólito".

E a tamén residente neste lugar da parroquia de Goiáns, Alba, engade: "Hai dez anos que vivo aquí, e xa estaba en mal estado. Cada ano vai a peor e é un perigo para todos os veciños".

E comprobamos no sitio o prexuízo que ocasiona.

A seguridade viaria desta estrada é competencia do Goberno autonómico. Este di que arranxa o firme se o Concello de Carballo asume a súa titularidade. O Concello acepta a oferta, pero esixe que a Xunta de Galicia faga un arranxo integral como futura vía urbana.

"Pedimos que nola arranxen. Ninguén fai nada; o alcalde bótalle a culpa á Xunta, e a Xunta ao alcalde, e nós estamos no medio".
"-É unha estrada comarcal...".
(Óese o rebentón da roda dun coche que circulaba preto).
"Aí tedes a proba. Aí a tedes", afirma Carlos, veciño de Xoane.

Manolo, que acaba de sufrir o rebentón dunha roda, di: "Paso cada semana tres veces, e este tramo da estrada vella está moi mal. Está mal de todo. A (fochanca) que collín eu é moi fonda. Vin moita xente ao lado de estrada, quedei mirando para vós e collina de cheo".

Segundo nos din no taller de rodas, á beira da estrada, cada semana chegan unha media de catro rebentadas no tramo de Xoane, Carballo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade