Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Castrofeito, O Pino, piden a reposición da liña de autobús retirada pola A-54

En Castrofeito, O Pino, piden a reposición da liña de autobús retirada pola A-54

Na actualidade só dispoñen dun servizo de bus pola mañá e outro pola tarde

Imaxe deste xoves do lugar en que se resituará a parada do autobús de Mombús en Castrofeito, O Pino
G24.gal 02/02/2023 14:02

A evolución nas vías de comunicación pode deixar prexuízos na mobilidade. É o que lles pasa en Castrofeito. A autovía que algún día enlazará Lugo e Santiago desde hai seis anos ten amolada a mobilidade en autobús destes veciños do concello do Pino. Porque os autobuses que tiñan máis frecuencia de servizo a diario xa non fan a parada aquí.

A asociación de veciños pide a reposición do servizo e, segundo nos informaron, xa hai acordo das administracións implicadas para situala nesta zona. A A-54 acurtoulles o tempo da viaxe en coche particular pero púxollo difícil para moverse en bus.

"Había máis combinación de autobuses. Os estudantes mesmo tiñan un pouco máis de comodidade. Agora aquí non hai nada", afirma Obdulia Bello, veciña de Castrofeito.

Agora "só hai un autobús pola mañá e outro pola tarde e non cadran ben os horarios", precisa Ana Sande.

Os máis prexudicados pola perda da parada do Monbus en Castrofeito son residentes desta parroquia preto de Santiago vinculados coa capital galega por traballo ou estudos.

Ana Sande explica que "os rapaces que van estudar a Santiago, por exemplo, que non terán carné moitos e que lles sería máis doado co autobús; non tería que pagar un aparcadoiro... mesmo persoas maiores, que van facer recados e que non teñen carné".

Segundo Obdulia Bello, a prexudicada é "toda a xente do lugar, porque a min, como propietaria dun negocio tamén me prexudica e tamén porque o meu fillo estuda en Santiago e temos que levalo todos os días no coche".

Desde a asociación de veciños de Castrofeito, o seu presidente, insta a que a Demarcación de Estradas do Estado dea o paso pendente para organizar aquí o punto de parada de bus e que non demore máis a reposición do servizo de transporte público.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade