Publicador de contidos
Publicador de contidos

En coidados intensivos un mariñeiro de Foz que caeu ao mar envolto nuns aparellos

En coidados intensivos un mariñeiro de Foz que caeu ao mar envolto nuns aparellos

A vítima do accidente salvou a vida grazas a que puido cortar os cabos cunha navalla

Félix Aragunde 02/05/2024 13:41

Un mariñeiro de Foz tivo que ser hospitalizado tras sufrir un accidente no barco en que estaba a traballar. Tratábase do Jormar, un pesqueiro de baixura con base en Burela.

O tripulante, de 53 anos, caeu ao mar nunha zona próxima ao porto burelao, con tan mala sorte que quedou envolto nuns aparellos.

Por fortuna, a vítima do sinistro levaba unha navalla coa que puido cortar os cabos. Iso si, o tempo que botou na auga provocoulle unha seria hipotermia.

Juan Carlos Modia, Policía Local de Burela: "O patrón dicía que grazas á axilidade do mariñeiro, logrou salvar a vida. Íase para o fondo, arrastrado polos cabos, e grazas á navalla que levaba no peto, subiu para arriba e puidérono rescatar. Se non, desaparecía no mar".

Unha vez localizado polos seus dous compañeiros, izárono, practicáronlle os primeiros auxilios e avisaron o 112. Ao mesmo tempo, o barco dirixiuse a toda máquina ata o porto de Burela, onde xa agardaban os servizos de emerxencias, a Garda Civil e a Policía Local.

Juan Carlos Modia, Policía Local de Burela: "A UVI móbil ía diante, e cando chegamos xa había unha ambulancia esperando. O barco veu para este peirao do fondo, onde agardaban os sanitarios. O certo é que o home viña cunha forte hipotermia, con moitísimo frío".

Dende o porto de Burela, o mariñeiro foi evacuado ata o Hospital da Mariña, onde permanece ingresado, en estado grave, na unidade de coidados intensivos. Pola súa parte, as autoridades están a investigar as circunstancias deste sinistro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade