En España só se denuncia o 20 % das agresións sexuais con submisión química
En España só se denuncia o 20 % das agresións sexuais con submisión química
O aumento deste tipo de agresións relaciónase co consumo de alcol, pornografía e videoxogos violentos a idades temperás
Dous psicólogos e investigadores galegos presentan o primeiro libro que aborda en España con rigor científico o problema
En España cométense cada ano milleiros de agresións sexuais nas que se emprega a submisión química, pero só se denuncian entre o 10 e o 20 % dos casos.
Unha problemática que medra e que se relaciona co consumo de alcol e drogas, de pornografía e de videoxogos violentos a idades moi temperás.
Dous psicólogos e investigadores galegos acaban de presentar o primeiro libro que aborda no noso país con rigor científico un problema que vai a máis, co título Submisión química e uso de substancias psicoactivas nas agresións sexuais. Prevención, detección e intervención dun problema multidisciplinar.
"A aprendizaxe a través das redes sociais, da pornografía, a cosificación que se fai das mulleres é denigrante, tamén nos videoxogos, a banalización que se fai da agresión sexual en cerebros en pleno período de desenvolvemento. Os agresores teñen máis pistas de como actuar e estanse a dar máis casos", di Manuel Isorna Folgar, psicólogo e profesor da Universidade de Vigo.
Dous de cada tres agresores con submisión química teñen menos de 30 anos e un terzo son menores. Outro elemento que destacan os expertos é a propensión ás agresións grupais. Con este libro poñen o foco na importancia da detección dos casos para abrir un debate sobre cara a onde ten que ir a prevención.
"Hai que poñer o foco nos potenciais agresores, a través da educación sexual, de valores cívicos e éticos. O que aparece nas pantallas e nas redes sociais, non todo debe ser permitido desde o meu punto de vista", engade.
Os autores consideran importante traballar tamén nos protocolos cos que atender as vítimas, para que se sintan arroupadas polo sistema e poidan denunciar.