En Galicia ondearán este verán 125 bandeiras azuis
En Galicia ondearán este verán 125 bandeiras azuis
A nosa comunidade é a terceira de España con máis distintivos e Sanxenxo, o municipio de España con máis bandeiras azuis
A praia de Bastiagueiro, en Oleiros, é unha das sete de España que mantén a bandeira azul desde hai 38 anos
España é líder mundial en bandeiras azuis. Este verán ondearán estes distintivos en 638 areais de todo o estado (11 máis ca o ano pasado), 102 portos (5 máis) e 7 embarcacións (2 máis ca en 2023). Son 18 distintivos máis que en 2023.
Galicia é -despois de Valencia (159 bandeiras) e Andalucía (156 bandeiras) - a terceira comunidade do Estado por número de bandeiras. A ADEAC, a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, concedeulle á nosa comunidade 125, o mesmo número que o ano pasado. 114 ondearán nas praias (1 máis que o ano pasado) e 11 nos portos (1 menos que en 2023)
A praia de Area Maior, en Malpica, recupera o distintivo despois de 19 anos
35 concellos galegos foron distinguidos coas 114 bandeiras azuis concedidas a Galicia na edición deste ano. 60 bandeiras ondean en areais da provincia de Pontevedra repartidos por 12 concellos; 38 distintivos poderanse ver en 15 municipios da provincia da Coruña e 16 bandeiras foron concedida a 8 concellos da provincia de Lugo.
Sanxenxo é o municipio de España que conta con máis distintivos deste tipo: un total de 17. Aínda que o número total de bandeiras azuis se mantén con respecto ao ano pasado, cinco concellos galegos "gañan" este verán estes distintivos e outros catro "perden" este recoñecemento.
Este ano ondeará a bandeira azul en Area Maior (Malpica de Bergantiños), que a perdera en 2005; na praia da Lombiña-Cabío (A Pobra do Caramiñal), que levaba sen lucir este distintivo desde 2015; nos areais da Ribeira (Miño), e de Xiorto (Poio), que o perderan en 2017, e na praia de Ladeira (Baiona), que recupera este galardón que non lucía desde 2022.
Catro areais galegos perderon en 2024 o distintivo con respecto ao ano pasado. Son a praia do Reiro (Arteixo), Coroso (Ribeira), A Pasada (Barreiros) e Ril (Burela).
ADEAC fai unha mención especial aos sete municipios españois que conservan a bandeira azul nas súas praias desde hai 38 anos. Entre eles hai un galego, o concello coruñés de Oleiros, que conta con este distintivo no areal de Bastiagueiro desde que comezou a andar este programa en 1987.