Publicador de contidos
Publicador de contidos

En liberdade os ultras do Dépor detidos antes do partido co Málaga

En liberdade os ultras do Dépor detidos antes do partido co Málaga

Ambos os dous están a ser investigados por un delito de resistencia e desobediencia ás forzas de seguridade

Presenza policial na Coruña (TVG).
G24.gal 07/10/2024 13:23 Última actualización 07/10/2024 15:12

O Xulgado de Instrución número 2 da Coruña, en funcións de garda, puxo en liberdade este luns os dous seguidores do R. C. Deportivo que pasaran a disposición xudicial esta mañá, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Os afeccionados deportivistas, integrantes do grupo Riazor Blues, están a ser investigados por un delito de resistencia e desobediencia ás forzas de seguridade, durante os prolegómenos do partido que enfrontou onte o equipo branco e azul co Málaga en Riazor.

Estas dúas persoas quedaran detidas o domingo, tras enfrontamentos coas unidades de intervención policial na zona da Praza de Pontevedra, están relacionadas coa afección do Dépor, segundo ratificaron fontes policiais, que precisaron que non se tratou dun enfrontamento entre afeccións.

O choque fora declarado de "alto risco" por parte da Comisión Antiviolencia. Pese ao reforzo policial, a noite do sábado un centenar de membros do grupo ultra do Málaga, Fronte Bokerón, provocaron desfeitas nun establecemento dos arredores de Riazor, onde se atopaban algúns membros dos Riazor Blues

Polo momento non se produciu ningunha detención por estes incidentes e, tras a chegada de efectivos da Policía Nacional, os ultras regresaron á hospedaxe en que se atopaban aloxados fóra da Coruña.

Neste contexto, durante a mañá deste sábado víronse imaxes de numerosos grupos de persoas vestidas de negro con paus e barras por diferentes zonas da cidade, como o barrio do Orzán ou o paseo de Riazor.

LaLiga anunciou, a través dun comunicado de prensa, que comparecerá como acusación "nos procedementos xudiciais correspondentes". 

Os altercados ocasionados a noite do sábado moi preto do estadio de Riazor sorprenderon a cidade con só seis axentes da Policía Nacional patrullando na quenda de noite. É o que denuncian os sindicatos policiais, que falan de falta de previsión, e por iso esixen responsabilidades.

"O sábado pola noite, en canto se tivo coñecemento dos afeccionados do Málaga na contorna de Riazor acoden todas as forzas de seguridade que estaban dispoñibles para facer fronte a esa situación", explica María Rivas, a subdelegada do Goberno.

E di María Rivas que estes dispositivos funcionaron tamén ao longo do domingo nas horas previas ao partido entre do Deportivo e o Málaga. "Non só funcionou, senón que tivemos a capacidade de reacción para metelos no estadio unha hora antes do previsto para evitar enfrontamentos", engade Rivas.

Informou tamén de que os ultras do Málaga xa están identificados."Agora en canto a Policía Nacional nos achegue os expedientes, analizarémolos e actuaremos con toda a contundencia que nos permita a lei", di Rivas.

Pola súa banda, desde o Concello cualifican os feitos de extrema gravidade e din que é indignante que, unha vez identificados os ultras do Málaga, se lles permitise a entrada ao estadio municipal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade