Publicador de contidos
Publicador de contidos

En marcha a colleita dunha boa tempada de mazá para sidra na Estrada

En marcha a colleita dunha boa tempada de mazá para sidra na Estrada

A colleita que se prolongará algo máis alá de outubro é boa, como adoita ser con gran cantidade ecolóxica, e ademais abundante

A crise climática tamén ten o seu efecto nesta froita e obriga a modificar costumes na industria

Un tráiler cargaba mazá este mércores nun pomar de Moreira, A Estrada, con destino á sidrería de Chantada
G24.gal 27/09/2023 14:07

A imaxe do tráiler para a carga de mazás volve como cada ano aos terreos de maceiras da Estrada. A colleita que se prolongará algo máis alá de outubro é boa, como adoita ser con gran cantidade ecolóxica, e ademais abundante.

"As leiras están en estado óptimo de produción, algunhas variedades acabando de lograr a súa maduración e... estamos a recoller, como se ve aquí, rózase a herba, sacódense ás árbores e logo, a recollida, que é toda manual", sinala Miguel Soto, técnico agrícola.

Suba de custos de produción, leiras pequenas e diseminadas, falta de man de obra..., son só tres dos puntos débiles ao botar contas da rendibilidade da produción de mazá na Estrada, segundo salienta o técnico consultado.

"O prezo este ano vai ser similar ao do ano pasado, cando houbo un incremento de dous céntimos (en quilo). Este ano, que hai máis cantidade, mantense. Pero... sempre queda a rendibilidade un pouco xusta pola suba dos carburantes, as materias primas, os fertilizantes... e logo está o problema da man de obra. Aquí estamos nunha explotación onde están a traballar todos inmigrantes. Se non fora por eles, a metade da mazá quedaría nas árbores".

A crise climática tamén ten o seu efecto nesta froita e obriga a modificar costumes na industria. O técnico consultado explica que a sidrería asturiana marcaba o inicio da campaña abrindo os lagares por mediados de outubro, pero agora hai variedades que adiantan a maduración. Lograr un bo produto require adaptarse ao momento óptimo da froita.

"Aquí temos a sidrería de Custom Drinks, a máis grande que hai en Galicia e están a entendelo e están adiantando a recollida da mazá. É algo que está a ocorrer no viñedo, coa vendima en agosto. Os produtos están saíndo antes, mesmo a castaña", explica Soto.

A maior parte do millón e medio de quilos de mazá da Estrada transfórmao en sidra en Chantada o grupo empresarial de Estrella Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade